O Concello informa de que hoxe, venres 9 de outubro, son 83 persoas as infectadas de COVID-19 en Ames. O municipio está clasificado como de alerta vermella por COVID-19 nos datos da Xunta debido a que o 90% dos casos están concentrados na localidade do Milladoiro, derivados do gromo que houbo en setembro. Os casos foron aumentando nos últimos días debido aos casos positivos que se están detectando a través das probas PCR. Deste xeito, pasouse do primeiro dato de 48 persoas positivas, que facilitou a Consellería de Sanidade o pasado sábado 26 de setembro, ao número actual de 83 casos activos. A lóxica apunta a que unha vez rematado o cribado e detectados os casos activos, o número de casos vai diminuíndo de xeito progresivo durante as vindeiras semanas.
Xa se están contabilizando os casos positivos detectados a través das probas PCR que se están facendo co cribado masivo de 3.700 mostras entre a poboación do concello, co obxectivo de frear a posible transmisión e intentar localizar posibles casos asintomáticos.
Cómpre lembrar que a Consellería de Sanidade está realizando un cribado masivo de 3.700 mostras entre a poboación do concello, co obxectivo de frear a posible transmisión e intentar localizar posibles casos asintomáticos. Ata día de hoxe, fixéronse arredor de 2.000 probas e quedan unhas 1.700 probas PCR que se realizarán entre hoxe e mañá. A través do cribado que se está realizando estase detectando unha porcentaxe de positivos de 1,1%, mentres que a porcentaxe de casos asintomáticos está no 1%.