14 Marzo, 2022

Ames suma a súa voz para concienciar sobre a endometriose

O Concello de Ames súmase ás conmemoracións polo Día Mundial da Endometriose, e en colaboración coa asociación querENDO iluminará de amarelo durante a tarde-noite deste luns 14 de marzo a fachada da súa casa consistorial. Estímase que unhas 60.000 persoas padecen endometriose en Galicia, unha enfermidade crónica e inflamatoria de causa descoñecida influída polo ciclo menstrual, e que pode provocar sangrado, trastornos intestinais, infertilidade e fortes dores.

Para esta iniciativa, o Concello de Ames colabora con querENDO, unha asociación sen ánimo de lucro galega xurdida en 2015 que persegue contribuír á axuda física, psicolóxica e educativa das persoas afectadas pola endometriose e das súas familias. O obxectivo é dar a coñecer a doenza, axudando ao diagnóstico precoz e evitando o deterioro da calidade de vida.