28 Setembro, 2017

Ames súmase a X limpeza simultánea de ríos

O obxectivo é que as persoas voluntarias saian aos seus ríos, recoller o lixo que atenta contra a riqueza e o valor dos ecosistemas fluviais

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. En Ames, o espazo escollido é o Rego dos Pasos. Desde a Concellaría de Medio Ambiente convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 1 de outubro.

A asociación ADEGA, a través do programa “Proxecto Ríos”, vén organizando, nos últimos anos, unha xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome “Móllate polos ríos”. O obxectivo é que as persoas voluntarias saian aos seus ríos, recoller o lixo que atenta contra a riqueza e o valor dos ecosistemas fluviais. O Concello de Ames súmase, un ano máis, a esta iniciativa, convidando a toda a veciñanza a participar na limpeza do Rego dos Pasos, este domingo, 1 de outubro.

O punto de encontro será na praza do Concello de Bertamiráns, ás 10:30h. Está previsto que as labores de limpeza rematen por volta das 13:30h. Posteriormente, os residuos recollidos serán clasificados e depositados en bolsas para a súa ulterior reciclaxe. Os datos acadados ao longo da xornada serán enviados a ADEGA, para a realización dun informe sobre o estado dos nosos ríos.