O goberno municipal informa de que o número de casos positivos Covid en todo o concello de Ames é de 48 persoas. A información comunícase despois de solicitarlle á Consellería de Sanidade que fixera públicos os datos por canles oficiais e autorizadas. Neste senso, o Concello de Ames aclara que as restricións do núcleo urbano do Milladoiro non veñen impostas por un elevado número de contaxios, senón pola existencia dun gromo orixinado nun evento familiar cun difícil seguimento, ao tratarse de persoas asintomáticas ou con síntomas leves.
O Concello de Ames solicitou á Consellería de Sanidade que fixera públicos os datos de casos positivos e mesmo que aclarase a orixe do gromo existente no Milladoiro, de cara a desmentir o rumor dun contaxio masivo. Dende o goberno municipal tripartito solicítase que os concellos dispoñan de dita información en casos de alarma social e que poida informarse para enviar unha mensaxe de tranquilidade ao conxunto da poboación.
Debido a esta situación e previa autorización da Consellería de Sanidade, o Concello de Ames informa de que número de casos positivos a data do 24 de setembro é de 48 persoas, o que supón un caso menos que os rexistrados ao inicio da semana. Aclara que esta cifra corresponde ao número total de casos existentes no concello de Ames, sen que se coñeza a ubicación dos mesmos dentro do ámbito municipal.
Así mesmo, o goberno municipal trasladou á Consellería de Sanidade a importancia de localizar os casos asintomáticos no concello de Ames. Como resposta, a Consellería realizará a vindeira semana un cribado masivo de 3.000 mostras entre a poboación do concello, co obxectivo de frear a posible transmisión e intentar localizar posibles casos asintomáticos.
Finalmente, aclarar que o número total de positivos COVID supón un 0,15% da poboación total do concello de Ames, que supera os 32.000 habitantes. A variación da cifra de casos positivos en relación a principios do mes de setembro, cando a Consellería aplicou as restricións de aforo no veciño concello de Santiago de Compostela, incrementouse entre os 20 e 30 casos positivos.