21 Agosto, 2017

Ames volverá a contar co programa RenovAmes-Brión II

Este obradoiro terá unha duración de 6 meses e contará con 15 alumnos

O Concello de Ames vén de publicar as bases para a selección do alumnado traballador/a e persoal do obradoiro de emprego “RenovAmes-Brión II”. Este obradoiro terá unha duración de 6 meses e contará con 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que formarán o equipo que dirixirá dito obradoiro (1 director/a, 1 mestre/a, 1 orientador/a e 1 auxiliar administrativo). Este obradoiro, que está dirixido á colocación de equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética en varias instalacións municipais de Ames e Brión, enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos.

O obradoiro RenovAmes-Brión II está dirixido á colocación de equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética nos locais sociais de Ameixenda, Cruxeiras, Firmistáns, Casa do Concello, en Ames, e na escola infantil dos Anxeles, así como na escola rural de Luaña situadas en Brión. Este obradoiro enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos. Deste xeito, a selección dos alumnos/as traballadores/as farase entre os mozos/as que están inscritos neste programa e, que ademais, están apuntados como interesados/as en participar nestes obradoiros de emprego.

Por iso é importante que os mozos e mozas menores de 30 anos, que están inscritos no programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, se apunten nas oficinas do INEM antes do 1 de setembro como demandantes de obradoiros de emprego para que poidan participar no proceso selectivo deste obradoiro.

O RenovAmes-Brión II é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello de Ames en colaboración co Concello de Brión.