27 Xullo, 2017

Ángel América estará este venres nas Noites na Terraza do Milladoiro

Ángel América iniciou o seu camiño como solista, após moitos anos ao fronte do grupo América de Vigo

O artista actuará a partir das 21:30 horas na terraza da cafetaría da Casa da Cultura. O concerto encádrase dentro do programa Noites na Terraza, que conta coa colaboración do Concello de Ames a través da Concellería de Educación e Cultura.

Ángel América iniciou o seu camiño como solista, após moitos anos ao fronte do grupo América de Vigo (pioneiros na introdución do tecno pop en Galicia e na realización de versións galegas de éxitos de Queen e outros grupos de rock). Este venres, o artista estará no ciclo Noites na Terraza interpretando temas, fundamentalmente en castelán, da década dos 70 e os 80, con pinceladas dos 90. Actuará acompañado pola pianista Pilar Gómez e pola cantante Paula Pascual.

O ciclo Noites na Terraza ten como obxectivo dinamizar o sector hostaleiro do Milladoiro e animar as noites de verán, para que a veciñanza goce do seu tempo de lecer ao tempo que escoita actuacións de grupos galegos. O programa conta coa colaboración do Concello de Ames a través da Concellaría de Educación e Cultura.