O Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Santiago anulou o acordo municipal sobre a suba do IBI 2020 tomado o pasado 28 de decembro. Faino logo de considerar parcialmente o recurso presentado polo PP de Ames, cuxos representantes no pleno alegaron non ter sido convocados en tempo e forma. “Declárase nula a convocatoria do pleno extraordinario e urxente do Concello de Ames de 28 de decembro de 2019”, reza a sentenza, que tamén sinala que “se declara a nulidade do acordo adoptada na devandita sesión plenaria”. O Xulgado considera ademais que se vulneroi os dereitos fundamentais do Grupo Popular recoñecidos no artigo 23 da Constitución Española, que recoñece o dereito á participación da cidadanía nos asuntos públicos.
Os populares pediron inmediatamente a dimisión do alcalde José Miñones logo desta sentenza. “Hai que recordar que o alcalde socialista José Miñones, deliberadamente e nun xeito antidemocrático e autoritario sen precedentes, non convocou aos concelleiros do Partido Popular á celebración do Pleno”, sinalan fontes do partido. Reclaman ademais que “publicamente se rectifique e se recoñeza que as acusacións e falsidades vertidas cara os membros do Grupo Municipal Popular foron totalmente infundadas e inxustas”.
Os grupos do Goberno local manifestaranse hoxe sobre a cuestión.