30 Setembro, 2021

O acceso directo ao Novo Milladoiro non pasará pola glorieta de entrada á vila

O novo acceso ao Polígono do Milladoiro achégase amodo a ser unha realidade. Onte tivo lugar unha xuntanza entre o presidente da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, Javier Santos, o Xefe de Demarcación de estradas, Ángel González, e o Xefe do Servizo da área de conservación de estradas, Francisco Prego, co alcalde, Blas García, xunto ao concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. Nesta reunión presentouse o anteproxecto, co que se busca dar fluidez ao tráfico de entrada e saída do polígono. O proxecto someteresa a información pública “o antes posible”, subliñan dende Demarcación de estradas.

Concello e empresarios coinciden na necesidade de mellorar a fluidez nun núcleo como o Milladoiro, en expansión demográfica e económica. Durante os últimos tempos medrou o número de vehículos que entran e saen pola rotonda na que se vai intervir. Demarcación de Estradas vai levar a cabo un estudo do tráfico en horas punta para avaliar unha segunda fase do proxecto. “O Concello de Ames traballa para que canto antes se poida executar este proxecto que é o paso previo a humanización prevista para a nacional N550 ao seu paso polo Milladoiro”, asegurou o alcalde, Blas García, agradecendo a súa presenza e disposición tanto a Demarcación de Estradas como á Asociación de Empresarios.

Humanización da N-550
A intervención nos acceso preludia a humanización da N-550, onde a nova estrada terá só dous carrís (un cara a Santiago e outro cara a Teo), ampliando as beirarrúas e a mediana. Coa mediana medraría tamén o espazo de ocio e descanso do Milladoiro, así como as zonas verdes e arborado.

O proxecto incluirá dúas glorietas para xirir e cruzar a avenida. Prevese igualmente, de acordo coas recomendacións da normativa estatal, a posibilidade de instalar beiravías de remonte en toda a avenida e en ámbolos dous sentidos para casos de avarías e circunstancias que obriguen a deter vehículos.

Cabe sinalar que o Ministerio de Infraestructuras deseñou un acceso directo de entrada e saída ao parque empresarial, sen pasar pola glorieta de entrada ao Milladoiro, de cara a conseguir maior axilidade no tráfico rodado.