A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licitación das obras do Camiño de Suevos a Miso e de Troitosende a Capela da Madalena dentro do marco de plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. As actuacións mellorarán a drenaxe e a seguridade viaria e reforzarán as cunetas. Tamén se integrarán ambientalmente as vías e mellorarase a sinalización. As obras durarán medio ano e terán un custe próximo aos 47.000 euros.
O alcalde de Ames, Blas García, sinalou que estas obras supoñen unha forma de “investir no rural”. “Este Goberno leva demostrando con feitos a súa aposta polo rural amesán, e seguiremos a realizar investimentos para que os veciños e veciñas se sintan orgullosos de vivir nas parroquias de Ames”, engadiu o rexedor.
Características das obras proxectadas
As obras do camiño de Suevos a Miso iniciaranse cunha limpeza de gabias e a mellora da capa de rodaxe. Tamén se pavimentará a cuneta de seguridade e colocaranse arquetas para recollida de augas pluviais.
No camiño de Troitosende a Capela da Madalena mellorarase a capa de rodaxe e limparase as gabias. Intervirase tamén no asfalto. Colocarase un sinal de stop e treitos de barreira de seguridade.