Unanimidade no pleno municipal á hora de recoñecer a importancia da licitación do servizo de monitores para os programas municipais de conciliación, compostos polos Comedores Escolares, Bos días Cole e Tardes Divertidas. Sen embargo, esta consideración non significou unha adhesión total á proposta presentada. A abstención de Ames Novo fixo que a iniciativa saíse adiante co voto afirmativo do resto de grupos, tanto do goberno -socialistas, nacionalistas e Contigo Podemos- como da oposición -populares e Ciudadanos-. O portavoz de Ames Novo, Quique Costas, criticou que o servizo se preste por parte de empresas privadas no canto de optar pola municipalización e botou en falta cambios nas condicións de prestación. O concelleiro de Educación, David Santomil, quen previamente aludira á importancia dun contrato que blinde os servizos para os vindeiros anos, pediu “propostas realistas” ante a reclamación de Ames Novo e lembrou que ” estamos a falar de monitorado para comedores escolares como competencia propia da Xunta de Galicia”. Aínda que quererían “ir máis alá”, asegurou, o servizo “está a funcionar moi ben”.
No tocante a outro dos puntos fortes do pleno, a ordenanza fiscal das terrazas, tampouco houbo unanimidade ao absterse o Partido Popular. O concelleiro popular, Javier Olmo, defendeu a postura da súa formación asegurando que “non houbo consenso coas asociacións para traer a ordenanza fiscal a pleno e tampouco se pasou a documentación aos grupo da oposición”. Recoñeceu, sen embargo, que “a taxa fixada é bastante accesible”. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, defendeu pola contra que a ordenanza se “abordou de xeito consensuado coas asociacións o proceso que permitiu a aprobación da nova ordenanza e agora a ordenanza fiscal”. Lembrou que non houbo ningunha alegación no período de consulta pública e salientou que se fixa unha taxa única máis baixa. Ademais, a edil asegurou que se tomaron en conta propostas das asociacións como desvincular a taxa da tempada a través dunha tarifa única.
O alcalde de Ames, Blas García, asegurou sobre a polémica que “se pode discrepar coa proposta, pero non podemos admitir que se diga que non falamos cos afectados, xa que durante o proceso de elaboración das ordenazas falouse coas diferentes asociacións”.
Unanimidade nas gratificacións e no servizo de atención temperá
Si houbo unanimidade á hora de autorizar o incremento da asignación para gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021. odos os grupos coincidiron na necesidade de remunerar o traballo realizado polo persoal municipal, se ben dende a oposición aludiron ao informe en contra da interventora municipal e a necesidade de mellorar a xestión neste campo. O importe global será de 180.000 euros.
Tamén por unanimidade se aprobou a encomenda de xestión ao Concello de Teo para a prestación do Servizo de Atención Temperá. O convenio de xestión compartida recolle unha duración dun ano, dende o 1 de novembro de 2021 ata o 30 de outubro do ano que vén. Este servizo consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno. Ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A Concellaría de Benestar Social defende a xestión compartida co concello de Teo como solución para prestar o servizo, posibilitando que se preste dun xeito máis eficaz e eficiente, minorando custos antieconómicos da prestación illada, garantindo o acceso da veciñanza a uns servizos públicos de calidade. Desde os grupos da oposición destacaron a proposta como unha “moi boa nova”, como dixo José Ramón Oulego, un “servizo interesante e necesario”, en palabras de Javier Olmo, ou o “mola” co que calificou a proposta Quique Costas.
Tamén houbo consenso á hora de fixar os festivos locais para o ano 2022. Terán esta consideración o xoves da Ascensión (26 de maio) e o Luns de Pascua (18 de abril).
Proposta acollida refuxiados afgás
Por último, debatiuse por vía de urxencia unha proposta de Contigo Podemos, PsdG-PSOE, BNG e Ames Novo para solicitar á Xunta de Galicia o compromiso para a acollida de persoas refuxiadas afgás. A proposta instaba tamén ás Consellerías de Política Social e a de Territorio, Medio Ambiente e Vivenda para que xestionen directamente a cesión de vivendas baleiras e/ou en mans da SAREB para poñelas a disposición das persoas refuxiadas. O punto saiu adiante coa abstención de Ciudadanos e PP.