O Pleno ordinario de setembro de Ames, celebrado onte, aprobou por unanimidade todos os puntos da orde do día. Un dos aspectos máis salientables foi a aprobación dun suplemento de crédito por importe de 1.546.120,20€ destinado a cubrir partidas de saldo insuficiente. Estas inclúen aspectos como mantemento de infraestruturas de servizos, reparacións en camiños, estradas, reparación de maquinaria en distintas instalacións ou compra de mobiliario. Tamén cubrirá compra dos locais do edificio multiusos de Aldea Nova, que é propiedade de Ruafer, e a obra de acceso Ventín – Paramuíño.
Parte destes cartos tamén se destinan a gasto corrente para evitar que haxa gastos pendentes de imputar ao orzamento a final de ano. Aumentan os gatos derivados de limpezas, subministración eléctrica, mantemento de instalacións e servizos de conciliación, incluíndo a monitoraxe dos comedores escolares.
Os gastos de persoal incluídos neste crédito comprenden a contratación dun técnico de administración xeral para pór en marcha procesos de estabilización e a dun asesor xurídico de urbanismo. Con esta contratación preténdese conseguir o deseño e posta en marcha de procedementos para a tramitación electrónica de licenzas de obra e comunicacións previas, entre outros asuntos.
Outro punto aprobado por unanimidade no pleno foi a modificación do Plan antifraude, que fora aprobado en maio. A modificación fai referencia ao apartado de control interno e facilitará a participación das PEMES locais nas licitacións. Ademais, modificouse o apartado do plan sobre medidas antifraude para definir mellor os supostos que precisan declaración de ausencia de conflito de interese.
O Pleno tamén aprobou a primeira prórroga do convenio de colaboración con Teo para xestionar de forma compartida o Servizo de Atención Temperá. Actualmente, aténdese a 33 nenas e nenos de ata seis anos con este servizo, que conta cunha ampla lista de agarda. Non se descarta aumentar a oferta por este motivo.
Aprobouse igualmente a participación do Concello no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2022 (segunda fase da Deputación Provincial da Coruña). A Ames correspóndelle case un millón de euros deste plan, aclarou o alcalde, Blas García.
Venda ambulante e Ames AV-LAB Laboratorio
Onte tamén se aprobou inicialmente o regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante, visto que o anterior quedara desactualizado. O mercado ambulante tradicional celebrarase todos os sábados á tarde e contará con máis postos. Ademais, crearase un mercado de produtos de horta e artesanía que terá lugar na Praza da Maía de Bertamiráns todos os sábados pola mañá, de 10h a 14h.
Por último, o Pleno aprobou por unanimidade solicitar unha axuda da Deputación Provincial da Coruña, e a súa colaboración económica no financiamento do proxecto “Ames AV LAB Laboratorio” para o impulso da nova produción audiovisual dende o Concello de Ames, a través dun convenio de colaboración.