1 Decembro, 2025

Aprobados en Pleno o Plan de Igualdade, os Bonos Consuma e as tarifas da Telleira para o 2026

No pleno ordinario de novembro, ademáis da adhesión como membro de pleno dereito á Serra do Barbanza, aprobouse por unanimidade o Plan de Igualdade que será aplicable con carácter xeral ao persoal municipal ao servizo do Concello de Ames. As Administracións públicas deben respectar a igualdade de trato e de oportunidades no ámbito laboral e adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre homes e mulleres. Por iso, dito plan deberase desenvolver no convenio colectivo do Concello de Ames. Previamente, o plan foi obxecto de negociación colectiva e acordado na Mesa xeral de negociación do pasado 21 de outubro de 2025.

Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a desestimación do recurso de reposición presentado pola empresa Osventos Innovación e Servizos SL contra o acordo plenario do 25 de setembro de 2025, no que acordou a declaración de prohibición para contratar co Concello de Ames por un período de 3 anos, de acordo coa proposta formulada no informe emitido pola responsable do contrato.

De seguido, aprobouse por unanimidade a sexta modificación do Plan estratéxico de subvencións. O Concello vai poñer en marcha un ano máis a campaña dos Bonos Consuma, para iso aprobouse un suplemento de crédito no pleno extraordinario celebrado o pasado 18 de novembro. Debido a iso foi necesario modificar o Plan estratéxico de subvención para introducir na correspondente liña de subvención o importe de 60.000 euros para a anualidade 2025. 

Tamén se aprobou a modificación da aprobación inicial da ordenanza do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2026, que implica unha modificación do cadro de tarifas. Dita modificación estivo motivada nun erro na aplicación do IPC que era do 2,3%. Aplicouse o IPC do 3,1%, polo que houbo que proceder a facer dita modificación para introducir o IPC do 2,3%. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común, mentres que os/as edís do BNG votaron en contra.