26 Xullo, 2017

As comisións informativas abordaron os temas que irán para o pleno deste xoves

Abordouse a aprobación do proxecto modificación de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo das piscinas públicas municipais do Milladoiro

O Concello de Ames celebrou o pasado venres, 21 de xullo, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de xullo. Nestas comisións informativas abordouse a aprobación do proxecto modificación de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo das piscinas públicas municipais do Milladoiro, así como a tramitación da baixa do Concello de Ames da Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA). Ambos temas serán tratados e aprobados, se procede, no pleno ordinario correspondente a este mes de xullo.

O Pleno do Concello de Ames aprobou o pasado 17 de decembro de 2015 incluír, entre outras, no Plan de Acción Social (PAS 2015) a realización da obra “reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo de piscinas públicas municipais no Milladoiro e outras” cun orzamento de execución por contrata de 175.730,07 euros. Nesa mesma sesión plenaria aprobouse o proxecto técnico da devandita obra. Posteriormente, a Xunta de Goberno Local o 30 de marzo de 2017, despois de tramitarse o oportuno procedemento de licitación, acordou adxudicar o contrato desta obra á empresa Eulogio Viñal Obras e Construcións SA polo importe de 125.295,54 euros (IVE incluído), sendo asinado o devandito contrato o 5 de abril de 2017.

Unha vez iniciadas as obras houbo que realizar varias modificacións no proxecto orixinal que, sen embargo, non alteraron o orzamento de adxudicación. Debido a iso, agora é preciso que o Pleno aprobe as devanditas modificacións que se realizaron sobre o proxecto inicial.

corporación municipal deberá aprobar, se procede, a tramitación da baixa do Concello de Ames da Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA)

Por outra banda, a corporación municipal deberá aprobar, se procede, a tramitación da baixa do Concello de Ames da Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA). Cómpre lembrar que o 5 de maio de 2005 aprobouse en pleno a aprobación dos estatutos e maila formalización da solicitude de pertenza a dita entidade. Anualmente, o Concello ten que asumir o pago dunha cota de 491,06 euros por formar parte desta entidade. Debido a iso, dende o departamento de comunicación non se considera necesario formar parte desta asociación, xa que non repercute no traballo diario da radio municipal, polo que se propón aprobar a baixa de EMUGA.

Por último, no pleno deste mes de xullo achegarase a información periódica sobre a execución do orzamento ao remate do segundo trimestre do exercicio 2017; do período medio de pago; e da información trimestral de morosidade.