O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a convocatoria de axudas para o apoio económico das familias numerosas de Ames. A contía total destinada a estas axudas é de 110.000 euros, cun importe máximo por familia de 1.200 euros. O Goberno municipal asegura que pretende axudar así a aquelas familias que máis dificultades económicas estean afrontando. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes no Rexistro Xeral, de xeito presencial, ou a través da Sede electrónica do Concello de Ames.
Aínda que o prazo administrativo do expediente estaba suspendido pola situación causada polo coronavirus, o Concello de Ames ordenou levantar a suspensión ao considerar que as subvencións xestionadas polos concellos a favor de persoas en risco de exclusión social e outros colectivos vulnerables “deben promoverse para que as persoas pertencentes a eses colectivos non acusen en exceso a situación económica” actual.
Poden optar a estas subvencións as familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio desde hai polo menos un ano e de forma ininterrompida. Outro dos requisitos é o de posuír o título de familia numerosa. Todos os membros da familia solicitante deben convivir, agás excepcións por razóns académicas. No caso de nulidades, separacións ou divorcios, a persoa receptora da prestación será aquela coa custodia das fillas e fillos.
Se un dos proxenitores está traballando fóra de Galicia e, polo tanto, non está empadroado en Ames, este deberá acreditalo cunha copia do contrato de traballo e un certificado de empadroamento no lugar de residencia. No caso das familias monoparentais, só se requirirá o empadroamento, dun ano de antigüidade, do pai ou nai que teña a custodia das fillas ou fillos. Unha condición que tamén se lle aplica ás titoras e titores de menores de idade. De ningunha forma, poderán ser beneficiarias destas axudas persoas privadas da patria potestade. Se un único menor dese lugar á expedición de dous títulos de familia numerosa, a axuda só será concedida á persoa que ostente a custodia.
O prazo para presentar as solicitudes remata o 15 de xullo.