As prebadaladas de Ames, mañá en Bertamiráns

As prebadaladas volven a Ames tras dous anos sen elas a causa da pandemia. Toda a veciñanza está convidada a un evento festivo e familiar para anticipar a benvida do novo ano. Terá lugarás mañá sábado 31 ás 11h da mañá. O acceso á praza do Concello, cuberta cunha carpa, farase pola rúa Alcalde Lorenzo. O acto estará conducido pola presentadora Loli Gómez, e, ademais, actuarán os gañadores do certame Canta con Ames 2021 e 2022: Carmen Cuevas, Lara López, Noelia Bellas, Adriana Vigo, María Iglesias, Montse Angueira e José Rey.

Os primeiros 500 adultos en entrar á praza do Concello recibirán unha bolsa con produtos dos comercios locais, entre os que se inclúen cotillón, chicharróns, arandos e unha copa, que irá acompañada dun vale que se pode trocar por cervexa Estrella Galicia. Pola súa banda, a rapazada tamén contará con bolsa propia, dentro da que haberá tamén cotillón, uvas de lambetada sen glute e batidos para brindar. Para a elaboración das bolsas o Concello contou coa colaboración da froitaría Tomate más Fruta, que obsequia os arandos, e de Feiraco, que fará a doazón dos batidos para os máis pequenos.

Por outra banda, haberá postos de algodón de azucre e de flocos de millo, e contarase tamén coa participación das comisións de festas de Bertamiráns e do Milladoiro, que recadarán fondos para os festexos do vindeiro ano coa instalación dunha barra de bebidas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que as Prebadaladas son “un acto festivo que tivo unha gran acollida por parte da cidadanía amesá a primeira vez que se celebrou, no 2019, e que repetiremos despois de dous anos de parón. Trátase dunha actividade moi novidosa dentro da programación de Nadal do Concello, na que haberá actuacións, sorpresas e os asistentes serán agasallados con distintos produtos. Ademais, teremos carpa por se chove, polo que invitamos a todos os veciños de Ames e da contorna a achegarse”.