31 Xullo, 2017

As reclamacións dos comerciantes da rúa Viorneira fan posible a mellora da seguridade viaria

Búscase mellorar a seguridade nesta zona e facilitar o cruce da Avenida Rosalía de Castro

Esta mañá presentouse no Milladoiro o proxecto de mellora da seguridade viaria na rúa Viorneira e na avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro. A través deste plan vanse a instalar dous semáforos e un paso de peóns adaptado que parta da rúa Viorneira e atravese a avenida de Rosalía de Castro. Búscase mellorar a seguridade nesta zona e facilitar o cruce desta avenida, xa que son moitos os veciños e veciñas que cruzan por ese punto e poñen en risco a súa seguridade. A maiores preténdese potenciar a rúa Viorneira, unha zona eminentemente comercial.

O Concello de Ames xa dispón da autorización do Ministerio de Fomento para executar esta obra, pro previamente houbo que falar con dito Ministerio e solicitar a pertinente autorización, ao ser a N-550 unha estrada dependente do Estado. Unha vez, redactado e deseñado o proxecto, agora hai que envialo a Fomento para que teñan constancia da actuación e dos prazos de dita obra. O proxecto foi redactado polo arquitecto amesán, David Fernández.

A través desta actuación preténdese ir humanizando a avenida de Rosalía de Castro e diminuír o tráfico rodado no centro da localidade do Milladoiro. Dende hai máis de 20 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá en dúas partes, cun denso tráfico, e cunha media de 30.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil. Esta actuación, en concreto, foi solicitada tamén pola Asociación de Pequenos Comerciantes de Viorneira, Palmira-Bulebar.

José Manuel Fernández: “hai que tratar de disuadir aos condutores para que pasen cos seus vehículos polo centro do Milladoiro e opten por outras vías alternativas como é a autoestrada AG-56″

Miñones destacou que o proxecto presentado hoxe “está dirixido a tratar de reducir a velocidade dos vehículos que circulan por esta rúa do Milladoiro. A primeira actuación que se realizou neste senso foi incrementar os controis de velocidade, que realiza a Policía Local nesta zona, e agora continuamos con actuacións sobre a rede de semáforos. A idea do goberno é que os peóns teñan prioridade sobre os vehículos. Coa instalación deste novo paso de peóns e os correspondentes semáforos, programaranse os semáforos desta zona da avenida Rosalía de Castro para que pechen e abran de forma secuencial. Deste xeito os peóns disporán de máis tempo para cruzar. Ademais, preténdese que os condutores ao ter que parar nos semáforos instalados nesta rúa e relentizar a circulación, opten por non cruzar esta avenida cando se dirixan a Santiago e vaian pola autoestrada AG-56”.

O presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar, José Manuel Fernández, dixo “nós estamos satisfeitos por esta actuación que se vai a levar cabo para mellorar a seguridade viaria nesta zona da avenida de Rosalía de Castro. Agradecerlle ao Concello que persuadira a outras administración para poder executar esta obra”. Ademais, indicou “coincido co alcalde en que hai que tratar de disuadir aos condutores para que pasen cos seus vehículos polo centro do Milladoiro e opten por outras vías alternativas como é a autoestrada AG-56”.