1 Abril, 2020

Así debe retirarse o lixo nos fogares onde hai persoas contaxiadas ou en corentena



O Ministerio de Sanidade emitiu una orde ao comezo do estado de alarma para explicar como proceder á xestión de residuos domésticos naquelas casas onde haxa una persoa infectada por COVID-19 ou algún dos seus membros estea a pasar una corentena por sospeita dunha infección. Moitos concellos están recordando esas instrucións á cidadanía ao tratarse dunha demanda frecuente da veciñanza que chama aos teléfonos de axuda.

As bolsas de lixo destes fogares deben depositarse adecuadamente cerradas exclusivamente nos contedores de fracción resto -na maioría dos concellos galegos, o verde-,. Está prohibido depositalas nos contedores de recollida separada -orgánica, envases, papel, vidro ou téxtil- ou abandonalas na rúa. Estes residuos irán directamente a incineración, ou, se non for posible, a vertedoiro.

Varias bolsas
Os residuos dos pacientes confirmados ou persoas en corentena, incluíndo o material desbotable que use o paciente -luvas, panos ou mascarillas- deben depositarse nunha bolsa de plástico, a número 1, dentro dun cubo con tapa no cuarto da persoa. Unha vez chea, debe pecharse adecuadamente e introducirse dentro dunha segunda bolsa, a bolsa 2, xunto á saída da habitación. Dentro desta tamén se introducirán as luvas e a mascarilla da persoa coidadora, e pecharase adecuadamente dentro da habitación.

Esta bolsa 2, con todos os residuos, depositarase xunto ao resto do lixo do fogar no cubo da fracción resto -aquel onde non van, por exemplo, os plásticos para a reciclaxe-. Irá, por tanto, dentro dunha terceira bolsa, a bolsa 3.Xusto despois deben lavarse as mans, con auga e xabón, durante un intervalo entre corenta segundos e un minuto. Esta bolsa irá ao contedor xa mencionado na rúa, o de fracción resto.

Fogares sen coronavirus
Naquelas casas onde non haxa ningún caso positivo nin en corentena, o lixo debe ser separado como habitualmente, para reducir ao máximo a fracción resto e reservala para os fogares onde si hai casos. O lixo irá, separado, aos contedores correspondentes. As luvas de látex ou nitrilo utilizadas no fogar non van ao contedor amarelo, senón ao de resto.