O luns 28 o Concello de Ames celebrou un ano máis o Día do Orgullo LGTBIQ+. A Concellaría de Igualdade sumouse á conmemoración desta data a través da campaña “Ames en Igualdade”. Ao longo da mañá repartíronse 600 plantas con flores das cores da bandeira, tanto nos locais sociais do concello como en Milladoiro e Bertamiráns.
A celebración seguiu pola tarde co acto institucional, ás 18:00 horas na Praza do Concello, coa lectura do Manifesto a cargo de Rosa Arauzo e Eric Gómez.
Luísa Feijoo, concelleira de Igualdade e Benestar Social explicou que: “O pasado, o presente e o futuro desta loita collidos da man. Rosa, compañeira nesta loita, muller cunha experiencia e unha vagaxe de vida brutal, a que tanto lle temos que agradecer e da que tanto temos que aprender. Eric o que tiven a sorte de coñecer e de ver crecer ata convertirse no mozo sensato, maduro, loitador e comprometido que é hoxe’
A Concellaría de Igualdade e a Concellaría de Mocidade foron da man no acto institucional que pechou coa actuación de A Rabela. A rapeira e regueifeira pontevedresa foi a encargada de poñerlle música e improvisación á xornada a través de letras comprometidas e reinvidicativas fixéronnos desfrutar na celebración deste día.
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, agradeceu a Luísa Feijoo o feito de permitirlle ir da man na celebración deste día no que a “Mocidade debe estar presente. É importante a loita diaria por acadar unha liberdade de ser e de sentir real e efectiva. Unha liberdade que non só se reflexe no papel ou nas cancións. Precisamos que esa liberdade se visibilice nas rúas tódolos días do ano”.
“Demostrar músculo está moi ben, estar visibles tamén está moi ben, pero o respecto, a igualdade, os dereitos,… non se acadan por sair un día ao ano as rúas. Nada se transforma si esas demandas non están na nosa axenda, si non se materializan en políticas concretas que eliminen dunha vez por todas o discurso do odio a desigualdade. Porque os dereitos humanos son para todas e en todas partes sin importar quen eres e a quen amas”, recordou a concelleira Feijoo.
Con estes actos, púxose de manifesto, explican, que “Ames é un concello que loita contra calquera tipo de discriminación, aposta pola visibilización, a sensibilización e a normalización dende os máis novos”.
