Paso adiante ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) posto en marcha pola concellaría de Mobilidade para desenvolver un novo modelo de mobilidade. O borrador foi entregado o venres pola empresa encargada da súa redacción. A veciñanza pode consultar o contido deste borrador ata o 9 de agosto.
“O PMUS pretende sentar as bases dunha nova cultura en que as persoas sexan a prioridade e onde se revalorice o espazo público”, sinalan dende o Concello, lembrando como levan meses inmersos neste proxecto.
O borrador detalla a recollida, a análise e o diagnóstico da situación actual de Ames no ámbito da mobilidade, así como os diferentes programas de actuación e o plan de seguemento. O PMUS é un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sostibles dentro do municipio, así como, mellorar a eficiencia e a sostibilidade do modelo de mobilidade, acadar un desenvolvemento urbano equilibrado, mellorar a seguridade e a calidade urbana e lograr un cambio nas condutas de mobilidade da cidadanía.
Coa apertura do período de información pública ata o 7 de agosto búscase obter a valoración e a validación do Plan. Todas as suxestións e as alegacións recompilaranse nun informe que formará parte dos documentos finais do PMUS antes de que pasen a aprobación pública.
Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.