17 Decembro, 2020

Axudas da Xunta á dixitalización e innovación en Ames e na área compostelá

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou onte en Santiago de Compostela o establecemento Fink Orfebres, un dos 102 comercios e artesáns beneficiarios das axudas por preto de 785.000 euros que vén de conceder a Xunta na área de Santiago para o impulso á innovación, a dixitalización e as novas fórmulas de comercialización. 

Na maior parte dos casos os comerciantes e artesáns pertencen ao concello de Santiago pero entre os beneficiarios desta orde hai tamén profesionais en Ames. Tamén chega a concellos como Val do Dubra, Boqueixón, Ordes, Teo, Rois, Melide, Santa Comba, Tordoia, Padrón e Oroso.

Trenor destacou que “a través deste programa impúlsase a adaptación ao actual contexto económico e aos novos hábitos dos consumidores, apoiando o comercio de proximidade para que mellore e incremente os servizos que se prestan á clientela a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de márketing 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión”.

Tamén se conceden a través desta orde axudas para a modernización e adaptación de locais comerciais; a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos; novas fórmulas de comercialización e a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final.

Así, en concreto, na área de Santiago, apóianse máis de 100 iniciativas de dixitalización comercial, que desenvolven comerciantes e artesáns para proxectos de modernización integral dos locais, adquisición de equipamentos, así como proxectos de expansión comercial e  proxectos pop up.