O programa ‘Saúde nas prazas’ levou o baile ás rúas amesás durante o mes de xullo. A praza de Chavián de Bertamiráns será o escenario de peche desta actividade na tarde de mañá, 27 de xullo. O programa oriéntase a promover a actividade física ao aire libre e dunha forma lúdica. Organizado polo Departamento de Promoción da Saúde do Concello, ofrece axuda á veciñanza para coidar a saúde física e emocional.
O seguinte protagonista do programa será o combat. A actividade desenvolverase os días 3 e 17 de agosto, en Bertamiráns (praza Horte de Arriba), e o día 9 no Milladoiro (Casa de Cultura). O luns 23 colle o relevo o ioga cunha sesión no Pazo da Peregrina. O programa “Saúde nas prazas” clausurarase o martes 31 de agosto cunha xornada que vai combinar o baile na rúa, o combat e o ioga.