O 28 de xuño celébrase o Día das Diversidades Sexuais, data que este ano a Deputación celebra co concurso “Balcóns da Diversidade”. Para participar, é preciso publicar no facebook unha imaxe do balcón ou fiestra da casa decorada coas cores do arco da vella (debuxos, bandeiras… ou calquera outro formato artístico), entre o 12 e o 28 de xuño, empregando o cancelo #seresentir. A foto que máis” gústames” obteña será a gañadora.
A Deputación chama así, neste mes de xuño, a encher “os balcóns e fiestras coas cores do arco da vella para reivindicar a liberdade de ser e sentir”. Pode consultarse máis información en www.seresentir.gal ou no correo info@seresentir.gal.
Liberdade de ser e sentir!
A iniciativa enmárcase dentro de “Liberdade de ser e sentir!”, a campaña coa que a área de Igualdade da Deputación da Coruña busca reivindicar e concienciar arredor do dereito á liberdade sexual e á tolerancia das persoas. Trátase dunha campaña de sensibilización de cara á colaboración o vindeiro 28 de xuño do Día da Diversidade Sexual na que participan de 54 concellos da provincia ademais de 6 asociacións que traballan pola igualdade e os dereitos lgtbqi+. Ames é un dos 54 concellos que colaboran nesta campaña.