Os tres murais situados na contorna de Biduído foron visitados onte a tarde por un grupo de veciñas e veciños que foron acompañados pola concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo. Os tres espazos forman parte do proxecto “Terra de mulleres: as voces nos valos”. Os murais están situados no bar Guaraní do campo da festa, na parede dun garaxe do lugar de Raíces e nun valo da mesma aldea que cedeu un veciño. A autoría de dous deles corresponde ás “Dúo Amazonas”, coordinadas por 7H Cooperativa Cultural, que traballaron a través das lembranzas e fotografías da veciñanza local. O terceiro mural foi froito dun obradoiro colaborativo de mulleres da zona.
O proxecto naceu grazas aos Orzamentos Participativos de 2020. Busca manter e reflectir a esencia da vida rural, especialmente das súas mulleres, ao longo da historia. Priman no deseño os labores cotiáns e espírito festivo.
O mural pintado no actual campo da festa, na parede do bar Guaraní, recolle unha escena festiva inspirada nas pandeireteiras. O traballo debuxado sobre a parede dun garaxe do lugar de Raíces reflicte unha escena da vida cotiá da aldea. En canto ao terceiro mural, situado sobre un valo cedido por un veciño da mesma aldea de Raíces, amosa diferentes oficios das mulleres da zona. Concretamente, están representadas a peixeira, a greleira e a leiteira.
Luísa Feijóo engade que “este é un proxecto colectivo e colaborativo” e destaca a “ampla participación veciñal”. “É unha gran satisfacción ver a tantas persoas implicadas nun proxecto común” -engade Feijóo- e “ver o orgullosas que estaban mostrando o mural colaborativo e explicando o que fixera cada quen e, sobre todo, emociona ver a diferentes xeracións compartindo e sentíndose parte das obras”.