Ames arrincou esta semana cunha serie de intervencións asistidas para persoas maiores con cans de apoio social, como reforzo das aulas de estimulación cognitiva organizadas pola Concellaría de Benestar Social, Voluntariado e Promoción da Saúde. O programa inclúe animais especialmente adestrados xunto a un equipo técnico especializado. O programa foi inaugurado coa presenza da parella de cans ‘Bizcocho’ e ‘Musa’. Estas intervencións aportan grandes melloras ás persoas maiores en canto a saúde física, e a nivel cognitivo, social e emocional, aumentando a súa calidade de vida.
Está demostrado que o vínculo afectivo que xorde entre persoas e animais é incondicional e moi beneficioso. Numerosos estudos aseguran que compartir tempo con animais domésticos, como os cans, axuda a diminuír a tensión arterial e a frecuencia cardíaca. Ademais, gozar da súa compañía alivia a tensión e a ansiedade, e prevén a soidade e o sedentarismo, o que repercute directamente no benestar diario e na calidade de vida dos maiores.
A concelleira de Benestar Social, Voluntariado e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, destacou a gran acollida desta primeira sesió: “Foi unha ledicia ver a gran acollida que tivo esta iniciativa, que seguirá todo o trimestre nos grupos: sentir as emocións que lles espertou a presenza de Bizcocho e Musa, ver como interactuaban, como se preocupaban polas súas historias…”, sinalou.