1 Decembro, 2020

Cae en Vigo e Benavente unha banda de ladróns de vivendas que actuara en Ames

O Equipo de Patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Coruña detivo a tres homes pola súa integración nun grupo Criminal responsable de numerosos roubos con forza no interior de vivendas, que actuou en Ames entre outros concellos galegos. A investigación comezara a principios do mes de novembro, como consecuencia de varios delitos na zona periurbana da Coruña. Así, detectouse un incremento nos roubos con forza cometidos en vivendas situadas tanto en urbanizacións como zonas illadas desta zona, principalmente nos municipios de Cambre e Oleiros, así como no barrio da Zapateira.

Aos poucos, os investigadores foron obtendo indicios que lles permitiron chegar a coñecer o tipo de vehículo utilizado nalgún dos roubos e, aínda que en ocasións manipulaban a placa de matrícula, conseguiron pescudar parte da súa numeración. Foi necesario comprobar innumerables placas de matrícula ata que puideron pescudar a numeración completa e identificar o vehículo utilizado.

O seguinte paso era aínda máis complicado, localizalo. Para iso controláronse as posibles estradas utilizadas para desprazarse ata os lugares dos roubos. Unha tarde o vehículo foi localizado, ocupado por varios individuos cuxas características físicas coincidían coas dos autores dos roubos, que foran captados polas cámaras de seguridade dalgún dos inmobles asaltados. Non foi posible proceder á súa detención naquel momento, pero si realizar un seguimento que levou aos investigadores ata Vigo, onde probablemente estarían a residir os investigados.
Púidose comprobar a súa forma de proceder, e como se desprazaban diariamente por toda a comunidade galega. En ocasións para recoñecer as zonas residenciais e posteriormente para cometer os roubos cando se daban as circunstancias propicias. Habitualmente escollían vivendas cuxos moradores non se atopaban no seu interior. Eran extremadamente rápidos, pois en apenas tres ou catro minutos xa conseguiran acceder, roubar e abandonar a vivenda. En varias delas, a pesar de atoparse a certa altura, demostraron unha alta preparación e profesionalidade, escalando ata unha xanela.

Fóra da súa actividade delituosa, os detidos pasaban perfectamente desapercibidos, sen ostentar ningún tipo de luxos nin actividade destacable. Os domicilios onde se cometeron os feitos investigados atópanse nas localidades de Cambre, Oleiros, Teo, Ames, Cangas do Morrazo, Moaña, Vilagarcía, Allariz, Pereiro de Aguiar e Barbadás, así como nas cidades da Coruña e Pontevedra.

Na mañá do día 29, cando xa se preparaba a fase de explotación, detectouse a dous dos investigados emprendendo a marcha a bordo do vehículo en dirección Madrid. Foron seguidos ata a localidade de Benavente, para detectar calquera cita que puidesen manter, pero ante a posibilidade de que a súa intención fose abandonar a Comunidade e talvez o país co botín dos roubos cometidos, dispúxose un control para deter o vehículo.

Uns centos de metros antes de chegar ao control, cando se decataron da presenza dunha patrulla da Garda Civil de Tráfico, arroxaron pola ventanilla un obxecto, demostrando unha vez máis as meticulosas medidas de seguridade empregadas. Esta acción non pasou desapercibido para os axentes do seguimento, que o recuperaron instantes despois. O obxecto resultou ser un calcetín de la completamente recheo de xoias, en número superior ás 200 pezas, cuxo peso alcanzaba quilo e medio de ouro. Nese momento procedeuse á súa detención e comezou a procura do terceiro integrante do Grupo.

Despois de buscalo polos lugares en que se movían na cidade olívica, sen obter resultado, foi localizado cando pretendía abandonar o domicilio cunha maleta na que levaba todas as súas pertenzas.

Entre os obxectos que portaban os detidos, ademais de xoias e cartos en efectivo, incautáronse as pezas de vestir que utilizaban para a comisión dos roubos e ferramentas utilizadas para facer panca nas xanelas e poder acceder ao domicilio. Case a totalidade das xoias intervidas foron devoltas aos seus lexítimos propietarios, máis de 10 vítimas, os cales quedaron enormemente agradecidos polo extremado valor sentimental de moitas destas pezas. Débese destacar que o número de casas asaltadas neste último período foi superior a 25, aínda que nalgunha delas non conseguiron facerse con botín ningún.

Responsabilizouse da investigación o Xulgado de Instrución número 7 da Coruña que, unha vez postos á súa disposición, acordou o ingreso en prisión dos detidos.