O equipo de estafas telemáticas da Garda Civil e o posto do corpo en Torre Pacheco (Murcia) desarticularon un grupo criminal e detiveron a un veciño da zona como presunto autor de ata 18 delitos de estafa no marco da operación Twypper. As investigacións comezaron en 2018 a raíz dun elevado número de denuncias por estafa no rural da provincia da Coruña.
O modus operandi consistía na localización a través de páxinas de compra venda entre particulares de anuncios postos por persoas maiores, con poucos coñecementos de internet e que vendesen con urxencia un produto. Os estafadores amosaban o interese na compra e solicitaban datos da tarxeta bancaria para proceder ao pagamento. Tamén pedían fotografías do DNI para asegurar a identidade do vendedor, segundo indicaban.
Cos datos no seu poder, procedían á apertura de contas telefónicas prepagamento, con contas online en entidades con escasas sucursais físicas e plataformas de pagamento por internet que permitisen a retirada de efectivo en establecementos comerciais, realizando trasferencias dende as contas das vítimas.
O grupo operou, ademais de en Ames, en concellos como Oleiros, Arteixo ou Betanzos. Dous dos tres integrantes do mesmo están en paradoiro descoñecido. O detido foi posto á disposición do Xulgado de Instrución nº3 de Betanzos, como presunto autor de estafa, branqueo de capitais e usurpación de estado civil.