2 Xuño, 2026

Carmen Vázquez, a veciña máis lonxeva de Ames, cumpre 104 anos

O alcalde de Ames, Blas García, desprazouse ata Agrón para visitar e felicitar a Carmen, que este martes, 2 de xuño, celebrou o seu 104 aniversario rodeada do cariño da súa familia e das persoas máis achegadas. Blas García desexoulle un feliz aniversario e apuntou a  Agrón como a parroquia que “garda o segredo da lonxevidade”.


Durante a visita, o rexedor municipal compartiu con Carmen unha conversa na que puido coñecer de primeira man algunhas das súas vivencias e trasladarlle os parabéns de toda a veciñanza amesá por unha data tan especial. Como é tradición nestes casos, o Concello quixo sumarse á celebración e renderlle unha pequena homenaxe a unha muller que forma parte da historia viva do municipio.


Ames conta cun novo motivo de orgullo, xa que Carmen pasa a formar parte dun reducido e destacado grupo de persoas centenarias do concello. Ademais, a súa celebración chega apenas dúas semanas despois de que outra veciña de Agrón, Filomena Fraga, poeta amesá e Medalla do Concello de Ames, acadase tamén os 100 anos de idade o pasado 19 de maio.


A coincidencia de que ambas as dúas residan na mesma parroquia converte Agrón nun exemplo singular de lonxevidade dentro do municipio. Dúas mulleres centenarias, referentes para as súas familias e para a comunidade, que representan a memoria, os valores e a experiencia acumulada ao longo de máis dun século de vida.


O alcalde de Ames, Blas García, destacou durante a visita a importancia de recoñecer e acompañar ás persoas maiores do municipio. “Pese a ser o concello máis novo de Galicia, non nos esquecemos dos nosos maiores, pois son quen de recordarnos o que somos e de onde vimos. Temos moito que aprender deles. Agrón xa conta con dúas veciñas centenarias que contan con todo o noso cariño e afecto e queremos seguir desfrutando delas moitos anos máis”, sinalou.


Ademais, o rexedor municipal puxo en valor o papel fundamental que desempeñan as persoas maiores na sociedade e destacou a importancia de seguir promovendo políticas e iniciativas que favorezan o seu benestar, participación e calidade de vida.


Desde o Concello de Ames, en nome da veciñanza amesá, trasládaselle unha afectuosa felicitación a Carmen polo seu 104 aniversario, así como o agradecemento a todas as persoas maiores do municipio polo legado que deixan ás novas xeracións. A súa experiencia, esforzo e compromiso constitúen unha parte esencial da identidade colectiva de Ames e da historia das súas parroquias.