7 Setembro, 2021

Case esgotadas as prazas para alfabetización dixital no rural

A veciñanza do rural de Ames ten vontade de desenvolverse ben coas novas tecnoloxías. Así se pode deducir pola boa acollida do curso de “Alfabetización dixital no rural”, que xa encheu 80 dos 90 postos ofertados e existe xa unha lista de reserva. En parroquias como Agrón, Trasmonte, Augapesada, Ameixenda, Covas ou Tapia xa non quedan prazas. Aínda as hai en Bugallido (2), Biduído (5) e Ortoño (3).

O curso foi organizado pola Concellería de Cultura e xorde da proposta de adquisición de competencias dixitais dos Orzamentos Participativos 2019. Está conformado por obradoiros de 25 horas prácticas, divididas ao longo de tres meses de forma que queda en dúas horas por semana.

Os primeiros pasos do curso familiarizarán ás persoas participantes con nocións básicas de iniciación á informática coma o sistema operativo, o uso do teclado, a elaboración de documentos ou o tratamento de imaxes. Máis adiante aprenderase a navegar por internet en distintos navegadores, a utilizar buscadores, correo electrónico, redes sociais ou almacenamento na nube. Tamén se ensinará a realizar trámites a través de internet e aspectos relativos a unha navegación segura. Por último, e aínda que o curso se orienta aos computadores, tamén se aprenderá a sacar partido dos teléfonos móbiles.