21 Decembro, 2020

Case un millón de euros para o Ciclo da Auga en 2020

Co peche do ano o Concello fai balanzo coas obras do Ciclo Integral da Auga, onde investiu case 950.000 euros durante estes 12 meses. Estas obras acometéronse grazas a fondos propios -sobre 250.000 euros-, fondos da Deputación -uns 320.000- e co canon correctivo derivado do contrato con Espina y Delfín, que foi a achega máis importante. 

As obras leváronse a cabo en varios puntos do municipio. Nos lugares de Susavila, Suevos e Sorribas -Trasmonte- rematouse o saneamento, deixando case toda a parroquia dotada neste aspecto. O pasado mes de xuño rematouse o saneamento de Castrigo. Tamén se acometeu unha obra de canalización de pluviais en Biduído de Abaixo, dando así solución a un antigo problema que existía neste lugar.

O Concello ampliou ademais as redes de saneamento, abastecemento ou pluviais en Quintáns -Ames-, Ventosa -Covas-, Covas -Piñeiro-, O Mercuto -A Ameixenda- e Eirapedriña -Bugallido-. Actualmente estase a realizar a extensión da rede de saneamento en Castelo.

Por outra banda, realizouse a ampliación de redes de saneamento, abastecemento ou pluviais en diferentes lugares do rural amesán: Quintáns (Ames), Ventosa (Covas), Covas (Piñeiro), O Mercuto (A Ameixenda) e Eirapedriña (Bugallido).

Ademais, fixéronse obras na depuradora de Sisalde dentro do canon correctivo do contrato de Espina y Delfín. Construíuse un pozo de groso para mellorar o filtrado e depuración da EDAR.