14 Abril, 2026

Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais (CATEC) inaugura instalacións no Milladoiro

A empresa CATEC vén de inaugurar hoxe a súa sede e centro de traballo en Galicia, o Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais, o maior centro tecnolóxico aeroespacial privado en España e centro de referencia en Europa, especializado no desenvolvemento de I+D+i para a industria aeronáutica, espacial e de defensa. 

En dito acto de inauguración, amais do alcalde, participaron o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde Alonso; a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez; e o CEO de CATEC, Joaquín Rodríguez Grau, entre outras autoridades e responsables de institucións e empresas invitadas. 

Localizadas no Milladoiro, estas instalacións acollen a intensa actividade desenvolvida por CATEC en Galicia, especialmente enfocada no ámbito de drons e sistemas aéreos non tripulados (UAS) autónomos para a súa aplicación en diferentes sectores do campo civil e de defensa. Esta sede púxose en marcha no ano 2022 como resultado do número crecente de proxectos desenvolvidos por CATEC en Galicia dende o 2015 a 2021, co obxectivo de proporcionar un servizo máis achegado aos seus clientes, socios e colaboradores no desenvolvemento de solucións ligadas aos sistemas, a aeronáutica o espazo e a defensa, así como en proxectos de I+D.

A día de hoxe, CATEC conta en Galicia cun equipo de 11 enxeñeiros altamente cualificados que se atopan plenamente integrados nas unidades tecnolóxicas de CATEC neste ámbito, especializados en algoritmos de navegación sen GNSS, sistemas de percepción semántico para UAS, sistemas de carga de pago avanzados con procesamento embarcado, algoritmos de planificación automáticos de traxectorias en tempo real e xestión de permisos de voo para operacións complexas con este tipo de aeronaves non tripuladas, así como en sistemas de selección e clasificación de obxectivos, guiado final, navegación en contornas con GPS denegado e de comunicacións en contornas de comunicacións degradadas.

O alcalde de Ames, Blas García: “CATEC é un gran exemplo da conversión de Ames nun punto de referencia en Galicia para a innovación e a tecnoloxía. Queremos seguir nesta senda para que centros como o de CATEC nos escollan para instalarse”

Pola súa parte, o CEO de CATEC, Joaquín Rodríguez Grau, subliñou que “grazas ao apoio á industria aeronáutica, espacial e de defensa por parte da Xunta de Galicia de forma estable e consistente no tempo desde 2015, desenvolvemos grandes proxectos coas grandes empresas tractoras nacionais en Galicia. Desde 2015 desenvolvemos tecnoloxías en Galicia para grandes socios industriais da Xunta como Indra, Airbus, Babcok, Telespazio e participamos en propostas retadoras coas Universidades de Vigo e A Coruña e con empresas como Sixtema, Aeromedia, 4Digital, Vigsec-Dron e 3Data, que supoñerán o futuro en tecnoloxías de drons e non tripuladas para aplicacións civís e de defensa en Galicia”. Ademais, engadiu que “en CATEC vemos o noso futuro na rexión ligado a colaboracións con empresas tractoras, universidades e a empresa local orientadas a solucións duais, no marco civil, para a monitorización ambiental, e na defensa, orientadas ao escenario de operacións, con solucións como a navegación en contornas GPS-denegado e telecomunicacións degradadas, autonomía operacional, voo en enxame de drons e seguimento automático de obxectivos, así como detección e neutralización de ameazas”.

Proxectos con empresas e universidades

Nestes máis de tres anos de actividade en Galicia, CATEC desenvolveu proxectos de I+D con máis de 10 empresas do país e levou a cabo un proxecto de investigación en colaboración coas Universidades de Vigo (campus de Ourense) e de Coruña (campus de Ferrol). 

As súas instalacións no Milladoiro contan con máis de 200 m² de oficinas e áreas de traballo que agardan poder ampliar nos vindeiros anos coa creación de laboratorios e unha sala ZAP (Zona de Acceso Protexido) para traballar coa información clasificada para os proxectos de Defensa. 

A medio prazo, de cara aos próximos cinco anos, CATEC agarda unha importante taxa de crecemento no país, co obxectivo de dobrar a facturación e o seu cadro de enxeñeiros e técnicos cualificados. Ademais, o centro tecnolóxico ten como obxectivo especializar a sede do Milladoiro no desenvolvemento de tecnoloxías duais con aplicación en seguridade e defensa, tanto a nivel de UAS como do sector espacial. 

CATEC, aliado estratéxico en tecnoloxía e I+D

O Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais é o maior centro tecnolóxico aeroespacial e de defensa do Estado, cun cadro de persoal de máis de 150 enxeñeiros e técnicos repartidos nas súas cinco sedes: tres en Andalucía, unha en Madrid e outra no Milladoiro. 

Os seus obxectivos céntranse en desenvolver tecnoloxías avanzadas aplicadas ao sector aeroespacial, impulsar a innovación industrial no campo da fabricación, transferir coñecemento a empresas para o desenvolvemento de novos produtos e melloras en servizos, e actuar como aliado tecnolóxico tanto de grandes compañías como de pemes, apoiando a industria aeroespacial na maduración e desenvolvemento de novas tecnoloxías avanzadas. 

CATEC estrutúrase arredor de dúas grandes liñas tecnolóxicas de desenvolvemento das súas actividades principais de I+D: Aviónica e Sistemas e Smart Industry, dende a que se desenvolven as seguintes áreas tecnolóxicas: Fabricación Aditiva, na que é líder europeo no campo aeroespacial e destaca na produción de compoñentes críticos para satélites e lanzadores; Robótica aérea e colaborativa, onde se asentou como referente mundial en manipulación robótica aérea e en desenvolvemento de solucións innovadoras con drons; UAS (Sistemas non tripulados), na que é líder europeo nestas tecnoloxías e en aplicacións en inspección industrial, defensa e loxística; Tecnoloxías espaciais, entre as que destaca o desenvolvemento de algoritmos de navegación (AOCS), Intelixencia Artificial (IA) para procesamento en órbita e sistemas de eliminación de lixo espacial, entre outras.

Liderado en UAS e tecnoloxías autónomas

CATEC é líder en España no desenvolvemento de tecnoloxías de autonomía aérea e sistemas UAS (drons), sendo un dos tres centros tecnolóxicos españois seleccionados por Airbus Group como centro tecnolóxico de referencia neste eido. Para iso, conta cun equipo de máis de 80 enxeñeiros e técnicos especializados en UAS e acumula máis de 18 anos de experiencia en sistemas aéreos autónomos.

Nos últimos 15 anos desenvolveu máis de 200 proxectos de I+D neste eido, 30 deles a nivel europeo. É destacable tamén a colaboración coa maioría das empresas do sector UAS en España, o que supón un total de 150 clientes nestes anos. Ademais, é membro do Centro Español de Excelencia en Drons (AESA) e lidera o grupo de traballo de Autonomía dentro da Plataforma Tecnolóxica Aeroespacial Española (PAE).