A Concellaría de Benestar Social programou para pasado mañá, mércores, 29 de xullo, ás 20.30h, unha charla sobre o ingreso mínimo vital. Esta actividade terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura do Milladoiro. A avogada e asesora xurídica dos servizos socio comunitarios básicos do Concello de Ames, Raquel Dopico, será a encargada de explicar ao público en que consiste o ingreso mínimo vital, as contías que corresponden en cada caso, quen a pode solicitalo, como e onde, así como todo tipo de dubidas relacionadas. A organización prega ás persoas asistentes que cheguen un pouco antes do comezo da charla. Hai aforo limitado que se irá cubrindo a medida que vaia chegando a veciñanza.
O ingreso mínimo vital é unha prestación dirixida a previr o risco de pobreza e exclusión social das persoas que viven soas ou están integradas nunha unidade de convivencia e carecen de recursos económicos básicos para cubrir as súas necesidades básicas. Garante un nivel mínimo de renda a quen se atope en situación de vulnerabilidade económica, para acadar unha mellora real de oportunidades de inclusión social e laboral das persoas beneficiarias.