28 Abril, 2026

Chega unha nova edición do ciclo de monólogos de Ames do 21 ao 24 de maio

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, presentou a terceira edición do ciclo de monólogos, que se celebrarán entre o 21 e o 24 de maio nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. Monologuistas como Leti da Taberna, Josito Porto ou Celso Fernández Sanmartín participarán nunhas xornadas nas que haberá interpretación en lingua de signos. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames

Durante estas xornadas, participarán un total de oito monologuistas repartidos en catro días: os espectáculos serán sempre dobres. A sesión inicial correrá a cargo de Josito Porto e Luis Rey o vindeiro xoves 21 de maio, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O vilagarcián Josito Porto, cunha ampla experiencia no mundo da interpretación, con papeis memorables en “Pratos combinados” ou “Matria”, será o protagonista dunha sesión que abrirá co stand-up de Luis Rey. 

Ao día seguinte, o venres 22, chegarán Marita Martínez e Carla Mañas. Desta vez, o dúo cómico actuará na Casa da Cultura do Milladoiro, tamén ás 21.00 horas. A primeira é coñecida pola súa dilatada experiencia tanto no teatro como na televisión, sendo recoñecida por “Os Atlánticos” ou “Pulp Air”, e representará en Ames, as memorias da súa avoa. Pola súa banda, Carla Mañas é unha humorista ascendente que xa conta con certa experiencia dentro e fóra de Galicia, onde triunfou co seu espectáculo “Súper Freak”. 

O sábado 23 de maio será a quenda de Leti da Taberna e Irene Medín, nunha sesión que transcorrerá na Casa da Cultura de Bertamiráns, dende as 21.00 horas. Leti, que levou a taberna a TikTok, presenta o seu monólogo “Enredada”, onde explora os métodos para usar as redes sen converterse en peixe para carnada. Abriralle a cortina Irene Medín, unha humorista que recordará o importante que é o humor para a supervivencia. 

Pecharán esta edición do ciclo Celso Fernández Sanmartín e Fernando Palitos o domingo 24, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Estes dous cómicos conforman unha dupla perfectamente complementada: Celso é o contador de historias galego máis difícil de imitar, mais esas historias rouboullas a Fernando Palitos “Pali”. Ambos xuntan as catro cousas que unha persoa necesita para contar historias: altura de miras, calor, ver mundo e saber o camiño de volta. Esta última sesión contará cunha persoa intérprete de lingua de signos.