12 Xuño, 2017

Churrasco con patacas fritas: Menú de fin de curso

Este ano o churrasco con patacas frita e o xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) gañou en todos os comedores

Por segundo ano consecutivo, os rapaces e rapazas que son usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares elixiron o churrasco con patacas fritas e o xeado de xeo como menú de fin de curso. O departamento de Educación do Concello de Ames dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede de comedores de que elixan o menú de fin de curso, unha comida que este ano se celebrará o 22 de xuño. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro.

Dende o 2011 o churrasco con patacas fritas gañou en cinco ocasións e a pizza de xamón e queixo dúas veces. En 2011, 2012 e 2013 gañou o churrasco, mentres que en 2014 e 2015 impúxose a pizza. O ano pasado e este ano volveu a gañar o churrasco como o prato favorito dos nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares. Este ano o churrasco con patacas frita e o xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) gañou en todos os comedores.

Aínda que o curso remata o día 23 de xuño este menú servirase o día 22 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

Os nenos e nenas tiveron que escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato había seis posibilidades: churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, albóndegas con arroz e salsa de tomate, espaguetes á boloñesa con queixo e pescada rebozada con pasta tricolor. A listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran o polo de xeado, xeado de corte de tres sabores, amorodos con nata, iogur de chocolate e flan con nata.

O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da Rede municipal de comedores escolares. Deste xeito, o primeiro prato que se servirá será unha ensalada con aguacate e sésamo. Aínda que o curso remata o día 23 de xuño este menú servirase o día 22 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.