9 Abril, 2026

Comeza o Ciclo de conferencias “Abril, mes da saúde en Bugallido”

A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural A Maía e a Asociación Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, impulsa a terceira edición do Ciclo de xornadas sobre a saúde, baixo o lema “Abril, mes da saúde en Bugallido”, reafirmando así a continuidade e consolidación dunha iniciativa que ano tras ano medra en interese e participación.

Tras o éxito das edicións anteriores, este ciclo volve apostar por achegar á veciñanza información rigorosa e espazos de reflexión arredor de cuestións clave para o benestar físico e mental. As sesións celebraranse ao longo de catro xoves do mes de abril na sala auditorio (primeiro andar) do Centro Cultural A Maía, en Bugallido, e estarán abertas ao público xeral.

O programa desta terceira edición aborda temas de grande relevancia social e sanitaria, combinando conferencias divulgativas con profesionais do ámbito da saúde e unha sesión práctica final:

Xoves 9 de abril, 19.30 horas

«Salvar unha vida a custo cero: doazón de medula ósea», a cargo de Alba García e Begoña Hermida, da Asociación Galega de Persoas Transplantadas de Medula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame).

Xoves 16 de abril, 19.30 horas

«Que debes saber sobre o dano cerebral?», impartida por Sofía Millán, da Asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela.

Xoves 23 de abril, 19.30 horas

«Estamos a falar ben da saúde mental?», con Alberto Ramos, psiquiatra da Unidade de Saúde Mental do CHUS.

Xoves 30 de abril, de 18.00 a 20.30 horas

Obradoiro de solo pelviano, impartido por María José Carrete, matrona da Área Sanitaria de Santiago de Compostela. Esta actividade require inscrición previa e dará dereito a certificación (http://bit.ly/4uvDNfF).

As tres primeiras sesións serán de acceso libre ata completar a cabida, mentres que o obradoiro final require inscrición previa.

Con esta iniciativa, as entidades organizadoras reforzan o seu compromiso coa promoción da saúde e coa creación dun espazo de aprendizaxe compartida, no que a información e a concienciación se converten en ferramentas fundamentais para mellorar a calidade de vida da comunidade.

Bugallido consolídase así, por terceiro ano consecutivo, como un punto de encontro arredor da saúde, fomentando hábitos saudables e unha maior comprensión do benestar integral.