A COP pasou a seleccionar 27 propostas das 186 solicitudes presentadas e pasarán a unha fase de valoración económica
O pasado día 29 de agosto reuniuse a Comisión de Orzamentos Participativos (COP) no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para valorar, estudar e seleccionar as propostas presentadas dentro do proceso de orzamentos participativos que abriu o Concello de Ames. Nesta xuntanza participaron os representantes das distintas parroquias que son membros integrantes da COP xunto coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil.
O proceso de orzamentos participativos segue avanzando. Deste xeito, na última semana do pasado mes de agosto realizouse unha nova xuntanza para valorar, estudar e seleccionar as propostas presentadas dentro do devandito proceso. Presentáronse un total de 186 propostas veciñais. Na maior parte delas a veciñanza pide arranxos de camiños e lavadoiros, acondicionamento de locais sociais, colocación de paneis informativos nas aldeas e melloras de accesibilidade.
Na xuntanza do pasado día 29 de agosto, os membros do goberno alí presentes, ante as dúbidas que xurdiron con respecto a determinadas propostas, reiteraron que todas as actuacións a valorar teñen que ser actuacións sobre bens ou terreos de titularidade municipal.
Os representantes de cada parroquia representada na COP expuxeron as prioridades dentro das propostas presentadas e a motivación destas prioridades que na práctica totalidade son propostas que afectan e dan respostas a demandas da maioría da veciñanza amesá do rural. Unha vez expostas estas prioridades, a COP pasou a seleccionar 27 propostas das 186 solicitudes presentadas, e que pasarán a unha fase de valoración económica.