28 Setembro, 2021

Cinco multas en Ames por uso do móbil ou auriculares ao volante

A Policía Local de Ames está levando a cabo controis preventivos de alcol e drogas, con maior intensidade durante a fin de semana e nas proximidades de establecementos de lecer nocturno do Milladoiro e Bertamiráns. Nestes controis de rutina houbo polo momento dous positivos. Tamén se produciu unha detención por desobediencia, resistencia e atentado aos axentes da autoridade.

O venres pola noite detectouse o primeiro positivo, por alcol, cunha taxa de 0,38 mg/l na primeira proba e 0,35 mg/l na segunda. O sábado detectouse o segundo, cunha taxa de alcol do 0,46 mg/l en ambas as dúas probas. Ambas persoas foron denunciadas.

Controis de velocidade
Ao longo da semana a Policía Local de efectuará controis de velocidade no concello. Serán especialmente vixiadas as rúas dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, co obxectivo de reducir a accidentalidade e as consecuencias derivadas dos sinistros. Habilitaranse dous radares, un deles móbil pertencente á propia Policía e outro cedido pola DXT.

A Policía lembra que a velocidade excesiva ou inadecuada segue a ser unha das principais causas dos accidentes de tráfico, determinante nun 29% dos casos de accidentes mortais.

Balance Campaña de Vixilancia e Control distraccións ao volante
A Policía Local de Ames presentou o balance da Campaña da DXT “Vixilancia e control de distraccións ao volante” que se realizou entre o 16 e o 23 de setembro para concienciar sobre a importancia de evitar as distraccións ao volante. Nesta campaña controláronse máis de 750, con cinco denuncias. Catro destas debéronse ao uso do móbil e outra ao uso de auriculares durante a condución.