6 Outubro, 2020

Corentena “pantasma” no CEP de Ventín

A Anpa do CEP de Ventín denunciou onte publicamente que varias familias de alumnos do centro foron afectadas por un “erro moi grave” na corentena dunha aula. Estas familias foron notificadas o pasado domingo por rastrexadores do SERGAS da fin dunha corentena da que nunca foran informadas logo do positivo dun alumno do centro. Durante todo ese tempo levaron vida normal. 

“As familias desa aula non souberon nada da corentena na aula ata que as chamaron o domingo para notificarlles a fin da mesma, o cal resulta incomprensible”, indican. Dende a ANPA consideran “que unha situación como a vivida por estas familias é totalmente inadmisible e non debe volver a producirse”. Xa presentaron unha queixa formal ante aos organismos competentes.