5 Xullo, 2021

Correos estudará abrir polas tardes a oficina do Milladoiro

O Xerente de Correos da área noroeste, Xosé Chorén, visitou esta mañá as oficinas de Correos do municipio. O alcalde, Blas García, trasladoulle a reclamación histórica de abrir a oficina de Correos do Milladoiro polas tardes. Chorén prometeu a realización dun estudo que avalíe esa posibilidade e presentación do mesmo á volta do verán.

A visita, que ten por obxecto coñecer as necesidades das oficinas do concello e mellorar o seu servizo, prodúcese logo das reclamacións da veciñanza, que leva anos solicitando a apertura en horario de tarde, unha situación que se agravou coas medidas contra a COVID-19. Reforzar a oficina de Correos do núcleo máis grande do concello ten sido unha reclamación frecuente e unánime nos plenos municipais.

Blas García trasladoulle a Xosé Chorén, xerente de Produtos e Servizos da área noroeste de Correos as peculiariedades deste núcleo de poboación e as necesidades da veciñanza. Segundo o alcalde “O Milladoiro conta 13 348 habitantes, dos que moitos traballan pola mañá, e conta cun polígono empresarial. A oficina do Milladoiro dá servizo, ademais, ás parroquias de Biduído e Bugallido e mesmo a lugares do veciño Concello de Teo como Calo ou As Galanas de aí a importancia de dar un servizo completo aos veciños e veciñas”.

Pola súa banda, o Xerente de Correos, Xosé Chorén, valorou moi positivamente a visita que lle permitiu analizar a realidade social e económica das oficinas do concello. Segundo Chorén “dende Correos temos que buscar o equilibrio entre garantir os mellores servizos postais aos cidadáns e xestionar adecuadamente os recursos”. O Xerente de Correos comprometeuse a ter os resultados deste estudio despois do verán.

A visita comezou ás 10 horas na Casa do Concello, onde o Xerente foi recibido polo goberno municipal. Dende alí trasladáronse á oficina de Correos de Bertamiráns para coñecer as necesidades desta oficina que atende á poboación de Bertamiráns, aos veciños e veciñas de nove parroquias do concello e aos do Concello de Brión.

Posteriormente achegáronse ás oficinas do Milladoiro, onde coñeceron cal é a dinámica de traballo da oficina. Xosé Chorén aproveitou para anunciar cales son os novos servizos de Correos dos que se vai poder beneficiar a veciñanza de Ames como o pago dos tributos ou o servizo de caixeiro.

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceulle a visita e insistiu na importancia de dar un servizo completo aos veciñas e veciñas de Ames.