13 Outubro, 2025

DALP Ingeniería y Automoción SL empresa de Ames premio Energy Days de Innovación

O Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) entregou os premios Energy Days 2025 ás mellores actuacións realizadas no sector enerxético en Galicia. Unhas distincións concedidas ás actuacións realizadas polas empresas GRI, DALP, Tecfilter, Embermind Technologies, Naturgy Renovables e Fundación Naturgy e Abanca, así como ao profesional Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia.

Os premios foron entregados polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila; e polo xerente e o secretario de Cluergal, Oriol Sarmiento e Nonito Aneiros, durante a Noite Enerxética, celebrada en Santiago e na que participaron un cento de persoas. Uns galardóns que “recoñecen e distinguen as boas actuacións realizadas no sector enerxético galego en materia de eficiencia enerxética, innovación, emprendemento e enerxías renovables”, explica Sarmiento Díez.

Proxecto RISS, premio innovación

O Premio Innovación recaeu no proxecto RISS, un novo roteiro de fabricación de superestruturas eólicas intelixente, segura e sostible, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde. O proxecto conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, que está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea dentro do Programa de Fábrica Intelixente e Sostible de GAIN.

O xurado destacou que “se trata dun roteiro controlado e monitorizado por unha plataforma IoT que aglutina os datos de proceso permitindo toma de decisións en tempo real, onde o expertise de DALP foi clave no desenvolvemento. Doutra banda, TECFILTER centrouse no desenvolvemento dunha nova solución de aspiración de flux e recollida automática de slag o que sen dúbida mellorará o proceso de soldadura que é clave en grandes superestruturas. Menciónanse tamén as solucións desenvolvidas por GRI asociadas a seguridade industrial baseadas en visión artificial para a detección de situacións de risco na fábrica que monitorizan o transporte de chapas así como a súa descarga”.

O galardón foi entregado por Javier Cebey, xestor de Financiamento Sostible en ABANCA, e recolleito por Fernando Puente (plan manager de GRI Towers Galicia), Jorge Carracedo (project management en Tecfilter) e Bertín Fernández (enxeñeiro industrial en DALP Enxeñería e Automatización SL).