Ademais de asociacións de ciclistas, en Ames tamén hai varias tendas especializadas nesta disciplina, como por exemplo Millabikes, no Milladoiro, que se adica tanto á venta como á reparación de bicicletas. Falamos con Víctor, desta empresa, que nos indica que, aínda que eles non notan repuntes particulares cando se achegan probas ciclistas como pode ser a do Gran Camiño, “o que está claro é que que se fagan eventos así é bo, porque estás incentivando á xente a participar do ciclismo, da máis visibilidade para que a xente se anime a practicalo”.
Aínda que concorda con que en Ames hai moita xente que practica o ciclismo, dende Millabikes si que consideran que podería haber un apoio maior por parte do Concello, tanto na organización de actividades como, especialmente, a nivel de mobilidade, potenciando este tipo de mobilidade máis ecolóxica. “Debería ser máis fácil moverse en bici”, indica Víctor, que reclama por exemplo unha mellor comunicación con Santiago neste eido, xa que “ir alí en bici dende aquí é un suplicio”. “Santiago está ao lado pero para ir tes que dar mil voltas”, sentencia, solicitando algún tipo de vía que una ambos Concellos para os e as ciclistas.
Por outra banda, considera que tamén podería haber máis actividades dirixidas especialmente aos ciclistas máis novos, aos nenos: “Moitos pais veñen preguntar por se hai escolas de ciclismo e actividades para os seus fillos”, comenta. E tamén apunta a que “para moverse pola cidade coa bicicleta a xente ten medo de ir pola carreteira, e pola aceira molestas aos peatóns”, sendo un desincentivo para empregala como medio de transporte. “Entón realmente non está moi habilitada a cidade para andar en bici”.
Nesta liña, considera positivos proxectos como o da humanización do tramo da N-550 ao seu paso polo Milladoiro, correspondente coa Avenida Rosalía de Castro. “É o que están a facer todas as grandes cidades, potenciar este tipo de mobilidade, así que se o están facendo todas, haberá que aprender delas”, conclúe.