Valentín González Formoso coñeceu de primeira man a principios deste ano o funcionamento deste servizo xestionado directamente polo Concello
A Deputación da Coruña destinará 20.000 euros para financiar a adquisición dunha nova furgoneta destinada a efectuar o reparto das comidas do alumnado dos centros escolares do Concello de Ames.
A achega provincial, que será articulada a través dun convenio de colaboración entre ambas institucións, será sometida á aprobación da corporación provincial no pleno ordinario do venres 30 de xuño e supón un 80% do orzamento total da adquisición do vehículo. O 20% restante (5.000 euros) será achegado polo Concello de Ames.
A furgoneta estará destinada a dar servizo á rede de comedores escolares de Ames, da que se benefician máis de 1.100 alumnos de infantil e primaria do municipio nos centros de A Maía, Barouta, Vertín, Milladoiro e Agro do Muíño.