7 Xullo, 2021

Desequilibrio Mental, Terbutalina e Bala, estrelas do décimo Millarock

Volve unha das citas inescusables do rock galego. O vindeiro 30 de xullo celebrarase a décima edición do Millarock na Travesía do Porto, no Milladoiro, con Desequilibrio Mental, Terbutalina e Bala. A Casa da Cultura acolleu esta mañá a presentación da nova edición. A rolda de prensa contou coa presencia da concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, Francisco Gómez Seijo, de COPRA Contrataciones y Producciones Artísticas, Torres, baixista de Terbutalina e Barbas, guitarrista do grupo Desequilibrio Mental.

Presentación da X edición do Millarock, esta mañá na Casa de Cultura do Milladoiro

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, aproveitou a ocasión para louvar o cartel deste ano. Para a edil, “este X Millarock é fiel ao seu espírito ao congregar grupos da comarca, rock en galego e mulleres”. Puxo en valor que despois da obrigada anulación do festival o ano pasado, este volve máis forte ca nunca xa que “o rock nunca morre”. Lembrou que máis de “40 grupazos” teñen pasado polo festival nestes anos.

Dende a organización, Francisco Gómez, incidiu na importancia de transmitirlle seguridade aos asistentes. O evento vai cumprir con todas as medidas sanitarias. “ai que vir ao Milladoiro a desfrutar do rock porque aquí en Ames soa mellor”, incidiu.

Na presentación tamén estivo un representante do grupo muradá Terbutalina. Segundo Torres, o baixista da banda, as medidas sanitarias non van impedir que os asistentes desfruten do concerto: “somos un grupo que sorprende cos seus directos, imos facer que a xente baile na cadeira, que cante e que o pase o mellor posible”.

Dende Compostela achegouse Barbas, guitarrista de Desequilibro Mental. O membro desta banda galega asegurou que “están programados tres bolazos e os que veñan vano pasar caralludo”.

O cartel conta, ademais, con Bala. A banda galega nacida en 2014 acode ao X Millarock co seu recentemente presentado albume “Maleza”.

Millarock 2017

Este evento musical xurdiu, hai quince anos, co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. Ao longo deste tempo pasaron polo Milladoiro grupos coma Heredeiros da Cruz, Cuarta Xusta, Astarot ou Ruxe Ruxe. As entradas para este X Millarock poden retirarse online.