A Garda Civil detivo, no marco da Operación Pixels, a un home no Milladoiro pola comisión de valios delitos de explotación sexual de menores e contra a intimidade das persoas. A investigación arrancara por unha comunicación do National Center for Missing and Exploited Children (NCMEC) ao Departamento de Delitos Telemáticos da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil. Unha persoa non identificada estaba a compartir fotografías dunha menor de indade espida nun cuarto de baño sen o coñecemento desta.
Xunto ás imaxes da menor, atopáronse outras fotografías e vídeos nas que se vía a unha muller adulta mantendo relacións sexuais cun home, e montaxes fotográficas que comparaban fisicamente a esta persoa con outra menor de idade. A análise das imaxes permitiu identificar a contorna onde foran tomadas algunhas das fotografías, levando á identificación tanto da muller adulta como da menor, filla desta.
Unha vez centrada a posible localización do autor dos feitos, realizáronse procuras en fontes abertas e outras vías de investigación, así como varias entrevistas con veciños da zona, as cales permitiron aos axentes do Departamento de Delitos Telemáticos da UCO, vincular directamente as imaxes investigadas cun home adulto, residente no Milladoiro. O home é a parella sentimental da muller adulta fotografada.
Así identificado o posible autor dos feitos, e coas correspondentes autorizacións xudiciais, procedeuse á práctica dun rexistro no seu domicilio, atopándose evidencias claras que o vincularían cos feitos investigados, intervíndose diverso material informático e varias contas en redes sociais utilizadas para a actividade delituosa.
Cámara oculta
O estudo das evidencias intervidas permitiu comprobar que o detido non se limitaba a tomar imaxes da menor cunha cámara oculta instalada no baño do seu domicilio, senón que tamén instalara un software malicioso no computador que ela utilizaba.
Este malware permitíalle acceder de forma ilimitada aos arquivos privados da menor, ver en tempo real as accións que levaba a cabo e mesmo activar a webcam para ver á menor en calquera momento. Desta forma espiaba as videoconferencias que a menor realizaba coas súas amigas e activaba a cámara cando sabía que se podía estar a cambiar de roupa.
Facíase pazar por rapaza en redes sociais
O estudo dos diferentes dispositivos permitiu descubrir a comisión doutros feitos delituosos por parte do mesmo individuo, o cal utilizaba contas de redes sociais nas que se facía pasar por unha rapaza nova, establecendo relacións sentimentais ficticias con varias menores, que lle permitiron obter delas fotografías e vídeos de contido sexual, material que compartía con terceiros nunha popular plataforma de mensaxería, nun grupo administrado por el mesmo.
Ademais, o detido era moi activo nunha rede social moi orientada ao intercambio de fotografías e vídeos, na cal, mediante a creación de varios perfís, compartía con múltiples contactos arquivos de contido sexual de varias persoas que foran obtidos sen o seu coñecemento. Varias das vítimas deste tipo de actividade eran exparellas do detido ás que gravara mantendo relacións sexuais sen que tivesen coñecemento diso.
Delitos previos
Noutro dos casos, as fotografías e vídeos compartidos mostraban a unha parella nova, que unha vez identificada, púidose saber que unha delas convivira temporalmente co detido, o cal accedería aos seus arquivos privados realizando copias deles e difundíndoos a continuación.