24 Xullo, 2025

Día de Galicia en Ames: A medalla do concello ao rector, Antonio López, confirma o vínculo forte entre Ames e a Universidade

O Pazo da Peregrina acolleu na tarde deste mércores, 23 de xullo, o xa tradicional acto institucional que celebra anualmente o Concello de Ames con motivo do Día de Galicia. Acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal; representantes de asociacións municipais; así como relevantes veciños/as e entidades de Ames que recibiron anteriormente a medalla do Concello de Ames como Borja Golán, representantes da Coral Polifónica de Bugallido, María Victoria Otero Espinar, Ramón Lorenzo e Anxo Carracedo. 

Así mesmo, tamén asistiron o delegado do Goberno, Pedro Blanco; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, a deputada provincial, Mar García e o ex-alcalde do Concello de Ames, Santiago Amor.

Marcos Valcárcel, músico e violinista galego, foi o encargado de dar comezo ao acto coa interpretación dunha peza musical. A xornalista e presentadora Susana López Carbia, conduciu un acto no que o Concello de Ames conmemorou o Día de Galicia, o día das galegas e dos galegos, e ao mesmo tempo, rendeulle homenaxe ao académico e reitor da USC, Antonio López, veciño de Ames dende o ano 1991.

Entrega da medalla do Concello de Ames

O alcalde de Ames, Blas García comezou a súa intervención poñendo en valor o aumento de poboación en Ames nos últimos anos, “somos un concello vivo, que medra, que acolle. Un dos poucos lugares onde hai máis nacementos que mortes, símbolo claro de dinamismo, de futuro e de convivencia. Aquí hai vida, hai familias novas, hai escolas que se enchen. Aquí hai esperanza real, non discursos baleiros”.

Así mesmo, continuou destacando que “Ames, pola súa traxectoria, converteuse nun referente do bo facer, do compromiso veciñal e da política real. Demostramos que a cooperación institucional, a participación cidadá e o respecto polo común poden dar froitos reais. Este pequeno recuncho da Maía é xa un exemplo para o país enteiro”.

O alcalde salientou a traxectoria de Antonio López, “neste contexto de compromiso cívico e visión de futuro, é unha honra recoñecer tamén a figura dun veciño que representa os mellores valores do servizo público e do pensamento compartido: Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria, marcada polo diálogo, a responsabilidade e a defensa da universidade pública, é un exemplo da Galicia que queremos: a que educa, a que pensa, a que constrúe futuro desde a palabra e o coñecemento”.

Unha vez rematada a súa intervención, o alcalde entregoulle a Antonio López, a medalla do Concello de Ames. Antonio López é veciño de Ames dende o ano 1991 ata actualidade, residindo no Milladoiro ata o ano 2002 e, dende ese ano, en Bertamiráns. Dentro da súa traxectoria profesional, destaca o seu cargo como reitor da Universidade de Santiago de Compostela, que ostenta dende o 2018. Previamente, pasou por outros postos importantes dentro da mesma institución. Ademais, á marxe da súa carreira académica, ostentou outros cargos relevantes como conselleiro maior de Contas polo Parlamento de Galicia ata 2010. Así mesmo, López ten unha longa traxectoria no ámbito académico, realizando numerosas publicacións científicas e estudos relacionados coa súa área de coñecemento. 

Tras recibir a medalla do Concello de Ames, Antonio López, admitiu que recibir este recoñecemento “foi toda unha sorpresa, xa que nunca fun consciente de ter feito algún mérito especial para merecer a medalla. Precisamente por iso síntome moi agradecido pola xenerosidade do concello e o cariño dos veciños que recibín dende o primeiro momento”. Ademais, engadiu que “é unha honra poder compartir esta distinción con outras persoas tan relevantes, algunhas delas tamén vencelladas ao mundo académico coma min, o que significa que a pesar de que a universidade está afincada en Santiago, existe un vínculo moi forte entre a institución e Ames”. 

En canto á súa vinculación con Ames, López subliñou que xa leva “máis de media vida en Ames” e que “esa proximidade e facilidade que ofrece o concello, xunto coa posibilidade de poder gozar dunha vivenda con espazo e preto do rural son elementos que me fixeron sentir sempre moi cómodo vivindo aquí, ademais do estilo de vida, que é moi semellante á vida de pobo coa que me criei”. 

O acto pechouse co himno galego, que foi interpretado por Marcos Valcárcel e cantado polos asistentes.