12 Abril, 2023

‘Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde’ inaugura o ciclo ‘Cine con nome de muller’

A programación do ciclo “Cine con nome de muller” comeza este xoves, 13 de abril, coa proxección de Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde. A cinta narra a vida da escritora, intelectual e xornalista galega, cuxa actividade literaria provocou o escándalo dos círculos conservadores. A cinta é unha produción de Zenit TV, dirixida por Zaza Ceballos. Entre o elenco de actores e actrices destacan Susana Dans, no papel de Emilia Pardo Bazán e Manolo Solo, como Benito Pérez Galdós. César Cambeiro, Antonio Durán Morris, Mabel Rivera, Casilda Alfaro, Albert Forner e Balbino Lacosta completan o reparto.

“Cine con nome de muller” é unha iniciativa organizada polo Concello de Ames que conta coa colaboración de Zenit TV e Minervas Voice, e que pretende poñer en valor a vida dalgunhas mulleres galegas que foron pioneiras en distintos ámbitos nos dous últimos séculos.