A escritora Emma Pedreira presentará este xoves 4 de novembro, ás 20:30h, o seu libro “Os libros que hai en min” no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O acto, que formará parte do itinerario “Encontros Literarios en Ames”, contará coa presenza de Nazaret López, escritora e xornalista, e o editor David Cortizo. Presentará o acto a concelleira de Cultura, Natividade González.
“Os libros que hai en min” é o primeiro ensaio da escritora e poetisa coruñesa, Emma Pedreira. A obra, publicada pola editorial independente galega Cuarto de Inverno, serve como “biografía bibliográfica” da autora, na que fai un repaso da súa vida a través dos libros que foi lendo, e na conta, ademais, as vivencias xurdidas ou evocadas arredor deses textos, nunha narración chea de humor, amor, anécdotas, digresións, e por suposto, libros.
