23 Xullo, 2025

Entrevista a Antonio López,Reitor da USC e medalla do Concello no Día de Galicia: “A formación universitaria segue garantindo unha proxección profesional mellor” 

Es natural da Mariña, pero a formación e o emprego tróuxote para Santiago. Cales son os motivos para escoller Ames para vivir?

Máis alá dos anos de estudante, que estiven en Santiago, en canto casamos e nos estabilizamos buscamos un piso, e buscámolo no Milladoiro. E ben, se son sincero, a primeira razón foi a económica. Daquela Santiago era prohibitivo, e descubrimos o Milladoiro. E logo viñemos para Bertamiráns, aí xa convencido de que nos apetecía vivir aquí. 

E as responsabilidades dos cargos que tes e polos que pasaches, permítenche ainda disfrutar un anaco da calidade de vida que lle atribúen os seus habitantes a Bertamiráns?

Nisto foi onde notei o cambio entre O Milladoiro e Bertamiráns. En Bertamiráns fas vida de aldea, de estar aquí, saír tomar algo, dar unha volta. O Milladoiro era máis ir durmir e facer vida en Santiago. En Bertamiráns estou encantado, recuperei sensacións da Mariña coas miñas nenas, que eran pequenas cando viñeron para aquí. 

Ames converteuse, pola súa proximidade a Compostela nun concello de enorme relación coa USC. Achega alumnos, alberga ao profesorado e agora, ofrece unha alternativa ao aluguer de pisos para estudantes, ante a carestía e falta de oferta de pisos en Santiago. Coincide con esta reflexión?

Somos moitísimos os universitarios que vivimos en Ames e nos concellos limítrofes a Santiago. Na miña urbanización hai unha porcentaxe grande de universitarios, non sei se é bo ou é malo, pero aí estamos. E logo, para o estudantado, empeza a ser unha opción moi seria. Porque agora mesmo, en Santiago, a opción da vivenda para estudantes é complicadísima e Ames é unha opción moi seria. Particularmente O Milladoiro, porque está tan preto e tan accesible, que, polo que a min me chega, os rapaces están buscando vivendas no Milladoiro e iso eu creo que vai ir a máis, porque como hai uns servizos moi ben comunicados e coincide que sobre todo no Campus Sur todo o transporte público pasa por aí e ten unha parada espectacular, empezan a ser condicións eu creo que moi atractivas.

A Universidade é sede de coñecementos e impulso á investigación. O asentamento en Ames de empresas orientadas á innovación, novas tecnoloxías ou ao sector audiovisual, non debera supoñer unha oportunidade para promover a colaboración Universidade empresa?

A conexión co tecido empresarial e xerar sinerxías entre a investigación que se fai nos laboratorios e o que se fai nas empresas é moi importante. No polígono en Ames hai unha presenza importante de empresas tecnolóxicas que contan coa universidade e gústanos estar presentes neses proxectos. Sempre se crean vínculos importantes aí e é moi importante. Á  universidade cada vez se nos pide máis estar conectados coa sociedade. 

Outra das cousas que lle pide a sociedade á universidade é a adaptación aos tempos. Antes procurábase abarcar todo o saber, agora parecer mellor camiño o da especialización. A USC aposta polo Campus Vida. En que consiste este proxecto do que a maioría imos sabendo cando os medios publican os constantes premios que reciben as investigacións dos edificios do Camiño Novo de Compostela?

A Universidade ten que axustarse e buscar un perfil, non? A nosa este catro de setembro vai cumprir cincocentos trinta anos. É unha universidade con moita traxectoria, polo tanto moi xeneralista, porque temos de todo: Humanidades, Ciencias Sociais, da Saúde, Ciencias Experimentais. Temos menos enxeñerías, porque cando se implantaron en Galicia tiraron máis cara a Vigo e un pouco cara á Coruña, pero temos de todo. Agora ben, falas do Campus Vida. Cando tratas de buscar un elemento que sexa referencial da nosa universidade non cabe dúbida que no que é todo o ámbito biosanitario é unha referencia na formación, na titulación de Medicina, Enfermería, Odontoloxía, Farmacia. Pero nón só na docencia, senón que na investigación somos unha potencia. Onte mesmo (en referencia ao 16 de xullo) eu estaba en Zaragoza para asistir á entrega ao CIMUS da distinción como unidade de excelencia María de Maeztu. En Galicia só hai dúas e están na USC. Unha é o IGFAE e outra é este CIMUS, e iso danos mostra do que hai. O IDIS é un transatlántico da investigación sanitaria, o terceiro instituto con mellores resultados de España. E iso facelo desde Galicia, desde un corner, unha esquina, sen un polo económico nin poboacional importante ten moitísimo mérito. Que dúbida cabe, o ámbito biosanitario é unha referencia e despois hai outros moi importantes, as ciencias sociais.

Metidos en fariña biosanitaria, temos que falar da polémica suscitada pola proposta da Universidade da Coruña de crear a súa propia titulación e facultade de Medicina. Cal cre que é a solución a este asunto?

Temos que ser quen de buscar unha solucións. O que me parece razoable é que temos que conservar unha moi boa facultade de Medicina. É verdade que hoxe é a facultade máis grande de España en número de alumnos de entrada. Iso é verdade, pero ao lado disto temos que conseguir que sexa a facultade de Medicina que utilice todo o sistema sanitario galego para a formación do estudantado e para a incorporación de profesionais. Xa temos unha parte de estudantes facendo o rotatorio en Vigo, en Coruña, en Ferrol, en Ourense, en Lugo, repartidos. Temos que ampliar isto máis? Si. Cando se fala de descentralización hai unha parte práctica, que é cuarto e quinto das que o mellor temos que ter unidades docentes na Coruña e Vigo e aproveitar as capacidades de magníficos hospitais que temos. Para min esta opción paréceme mellor que ter tres facultades. Polos recursos, polas capacidades, creo que é moito mellor aproveitar o que temos, con descentralización, aproveitando todas as capacidades do sistema. E a día de hoxe parece que é tamén o que opina a administración autonómica. Por iso imos ver si somos quen de que esta idea se manteña. 

Cada vez hai máis xente que accede a titulacións universitarias. Pero, a cambio, a titulación deixou de ser un seguro de atopar de xeito inmediato un bo traballo e de mellorar socialmente. Ten que tomar medidas a Universidade para recuperar esa reputación de catapulta laboral e social para anteriores xeracións?

Ti dixeches a frase exacta. Ao mellor a Universidade non che garante unha inserción laboral “inmediata”, iso é verdade. Hoxe, a formación profesional garante unha inserción laboral máis inmediata. Pero o que nos din todos os estudios que temos é que a formación universitaria ségueche garantindo unha proxección profesional mellor, unhas mellores condicións e unha maior posibilidade de chegar máis arriba na túa proxección profesional posterior. Temos unha dificultade nesa inmediatez, cústanos un pouquiño máis porque é unha formación que non está tan orientada cara os postos de traballo. Temos que aproveitar as ferramentas que temos, que algunhas son moi boas. Se na FP funciona magnificamente a formación dual, temos que facer tamén formación dual, máster conectados coa empresa, que teñan unha parte de formación no aula e outra na empresa, xa empezamos a traballar nesta liña. A investigación e outro  elemento conectado coas propias empresas. Pero a formación universitaria segue a ser unha das mellores garantías para un bo futuro profesional. Despois hai diferenzas entre unhas titulacións e outras. Mesmo estamos a ter algún problema nas titulacións de máis éxito, máis demandas, porque como hai tanta demanda laboral prodúcese un retraso nos estudos e iso aféanos as estatísticas dos nosos estudantes. Afecta aos anos en que habería que rematar a titulación. Se tería que rematar en catro, remátase en cinco ou en seis. 

Que che pareceu o feito de que foras nomeado para a Medalla do Concello do Día de Galicia?

O primeiro é que tes a sensación de que non fixen ningún mérito para que me dean ningunha medalla. Fora diso, pois síntome moi orgulloso de que o meu concello de adopción queira ter este detalle comigo. Precisamente, como non teño méritos, téñome que sentir aínda máis agradecido. É un xesto de xenerosidade das institucións e dos veciños e veciñas de Ames.