13 Maio, 2017

Isabel González: “Un sector comercial forte e independente é un dos principais valores dun concello”

“Dende a nosa responsabilidade tentamos que o sector empresarial e o consumidor se atopen en constante consonancia e se beneficien o un do outro de forma simbiótica”

Isabel González Cancela é unha persoa mítica da escena política amesán. Foi concelleira de Servizos Sociais e Igualdade dende o 2004 ata o 2011, moitos dos servizos que ven prestando o concello foi grazas a súa implicación persoal para poder levalos a cabo. Coa entrada do novo goberno, Isabel asumiu a concellaría de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, unha nova etapa que afronta con moitas ganas de traballar por e para os e as veciñas de Ames e como símbolo de unión entre comerciantes e consumidores.

Veciños e veciñas así como compañeiros e incluso rivais políticos sempre teñen moi boas palabras para Isabel, destacan o seu talante na hora de negociar así como a implicación que lle pon a moitos dos asuntos que ela mesma leva, o seu esforzo e dedicación incansable nas súas tarefas e por suposto, sempre que queiras falar con alguén, ela está para escoitarte.

– Que se fai dende a concellaría de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica?

A concellaría de promoción económica e participación veciñal é unha concellaría de trato persoal e continuo co cidadán, por tal motivo ao comezo da lexislatura fixéronse cambios na casa consistorial e abriuse unha despacho desde onde atendemos á veciñanza de maneira directa, e que atendo eu persoalmente.

A maiores, este ano este goberno está a traballar nos primeiros orzamentos participativos e percorreremos todas as parroquias para explicarllos e falalos con eles, e xa no que vai deste mandato mantivemos varios xuntanza coas asociacións de veciños e veciñas xa que entendemos que ese ten que ser o camiño ir man en todo aquelo que sexa posible.

O gran cambio deste goberno é que fomos quen de abrir as portas do concello para que os e as veciñas poidan ter comunicación directa co alcalde cos concelleiros e concelleiras a aparte por suposto da que teñan xa directamente cos traballadores e traballadores dos distintos departamentos do concello ós cales quero agrecer o seu traballo no día a día.

Dende a nosa responsabilidade tentamos que o sector empresarial e o consumidor se atopen en constante consonancia e se beneficien o un do outro de forma simbiótica.

– Centrándonos na área de Promoción Económica, ten o concello algún plan específico para mellorar o tecido empresarial amesán?

Estamos nunha época de cambio no modelo produtivo e onde o emprendemento e a innovación son aspectos cruciais; dende o concello cremos na necesidade de impulsar o desenvolvemento de accións que impulsen estes aspectos. O departamento de promoción económica desenvolveu en decembro o primeiro “Roteiro Maker” unha xornada de innovación da que se fixo participe aos institutos amesáns e na que se desenvolveron xornadas destinadas ao sector empresarial e exposicións de novos emprendedores e accións formativas destinadas ao fomento da innovación, parécenos un xeito de traballar que ten sentido no presente e terá eco no futuro.

Tamén destacar que para nós o emprego é fundamental, e por iso contamos coa posta en marcha de dous obradoiros que permiten formar a persoas en paro, o programa integrado ou preparando para os orzamentos do 2017 unha partida para a posta en marcha dun Coworking que permita compartir espazos e sinerxías comúns entre emprendedores.

“Dende o concello contamos coa posta en marcha de dous obradoiros que permiten formar a persoas en paro”

– En que tipo de actividades colabora o Concello coas asociacións de Comerciantes?

O tecido comercial e un dos principais valores dun concello, a existencia dun sector comercial forte e independente é un dos principais valores para crear un sentimento de identidade propia.

Conscientes desta importancia o Concello de Ames colabora coas asociación de comerciantes, agrupacións e empresarios individuais todo o ano en todas aquelas actividades que desenvolve, aportando os recursos económicos e loxísticos que están na nosa man para poder desenvolver as actividades propostas. As catro asociación de comerciantes están integradas dentro da Mesa Local de Comercio, que debe funcionar como órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a Administración local e os axentes representativos do sector comercial.

– Dende fai pouco os veciños do concello teñen a súa disposición en Bertamiráns e Milladoiro oficinas da Unión de Consumidores de Galicia para resolver a súas dúbidas, foi unha iniciativa do concello poder dispor destas oficinas que atenda as reclamacións dos usuarios?

O goberno actual é consciente que dende fai anos existía unha demanda non cuberta cos cidadáns amesáns. Para que un cidadán puidera obter información especializada acerca dos seus dereitos como consumidor era preciso que se desprazaran a Santiago. Isto afectaba tamén aos empresarios que moitas veces non eran conscientes de todos os aspectos legais de obrigado cumprimento. A unión de consumidores de Galicia é membro da mesa local de comercio do Concello de Ames dende a súa fundación co anterior goberno do PSOE. No 2016 desenvolveu en colaboración co Concello varias xornadas informativas sobre a factura da luz e froito desta colaboración conseguíronse os primeiros pasos para asinar un convenio que permita prestar este servizo no concello dun xeito eficaz e gratuíto para o cidadán e para a entidade local, é de agradecer o traballo que levan a cabo a UCGAL.

“A participación veciñal e importante e cada vez máis, e con respecto a participación, tamén dende o goberno temos que facer o esforzo por a nosa parte para implicalos máis”

– Teñen pensado seguir colaborando coa UCGAL durante este ano con charlas ou algún tipo de actividade?

A finais do ano pasado e froito das peticións de empresarios locais desenvolveuse unha acción informativa destinada a comerciantes e hostaleiros acerca dos dereitos de autor. Do mesmo xeito este ano xa se desenvolveu unha xornada informativa sobre as cláusulas chan na que o salón de plenos viuse desbordado e xa nos solicitaron repetila no Milladoiro, estas son accións importantes para que os cidadáns poidan coñecer os seus dereitos e dende a nosa concellaría parécenos moi importante esta forma de traballar e seguiremos traballando e colaborando xuntos.

– Nun concello coma Ames a participación veciñal é un tema sempre a ter en conta. Está contenta coa implicación dos veciños? Pensa que as e os amesáns deberían participar moito máis co concello e cos comercios?

Como todos sabemos o Concello de Ames é un concello moi novo con poboación por asentar, no eido empresarial ten dúas cabezas visibles como son O Milladoiro e Bertamiráns o cal dificulta en gran medida o desenvolvemento de acción que involucren a cidadanía. Pero aínda así a participación veciñal e importante e cada vez máis, e con respecto a participación, tamén dende o goberno temos que facer o esforzo por a nosa parte para implicalos máis e estou segura que tanto a cidadanía como o comercio responderán e aínda que non sempre poidamos ir xuntos seguro que haberá moitos asuntos que si, xa que todos traballamos polo mesmo por e para os veciños e veciñas, e pola miña parte como non podía ser doutra maneira estou a disposición de todos eles sempre que queiran.

Esta entrevista pode encontrarse no número de xaneiro 2017 da nosa REVISTA AMSGO!