A Xunta envioulle o martes 15 de febreiro ao Concello de Ames unha nova proposta para os servizos de autobús entre Ortoño e Bugallido con Santiago de Compostela. Nela propón asumir un incremento de frecuencias na liña que conecta as parroquias de Ortoño e Bugallido con Santiago, no marco da concesión de autobús interurbano. Porén, para os colectivos veciñais a sensación é agridoce.
Dende a Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido, unha das entidades detrás das múltiples e orixinais protestas que se sucederon no último ano dende que se clausurou a anterior liña existente, aplaudiron “a volta do servizo e o aumento de frecuencias nos viaxes de ida e de volta nos días laborables así como tamén o aumento das frecuencias en sábados, domingos e festivos”. Porén, continúan indicando que consideran que “os horarios propostos para estes viaxes non se adaptan as necesidades reais dos usuarios xa que son incompatibles con horarios escolares e laborales”.
Dende a asociación terán diferentes contactos coa veciñanza para trasladarle ao Concello as opinión recabadas da mesma. “Dende a Asociación daremos traslado as vosas suxestións e seguiremos traballando pola racionalización destes horarios”, afirman, como xa fixeron con protestas como o cabodano satírico do autobús P2, para o que a veciñanza simulou unha ceremonia relixiosa oficiada polo actor Federico Pérez, coñecido por películas como Cuñados e series como Padre Casares.
Por parte do Concello, o alcalde de Ames, Blas García, explicou que “seguramente, esta solución non é a que todas e todos buscamos, pero é unha mellora importante ao servizo que agora mesmo se estaba prestando, xa que se incrementan en 12 as frecuencias, ademais de mellorar a comunicación de Ortoño, Bugallido e Biduído con Bertamiráns. Desgraciadamente a antiga liña P2 desapareceu fai un ano, e calquera intención de comparar o servizo actual co antigo é un erro”.
O rexedor quixo en todo caso “destacar o entendemento existente coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xa que despois da última xuntanza mantida no mes de decembro por este asunto fomos capaces de chegar a un acordo e atopar unha solución que vai a beneficiar aos veciños e veciñas de Ortoño, Biduído e Bugallido”. No seu momento, a vogal da AAVV de Bugallido Chelo García destacou que esta xuntanza tivo lugar xusto o mesmo día que a protesta do cabodano, logo de ser esta convocada e espallada polos medios de comunicación, recalcando a importancia que as mobilizacións da veciñanza tiveron no avance da situación.