Na Feira do Sol impartiranse catro obradoiros didácticos sobre os usos da enerxía solar
Este domingo, 18 de xuño, celébrase unha nova edición da Festa da Natureza do Concello de Ames, con obradoiros didácticos, xogos e espectáculos, entre outras actividades. Así, dende as 11:00 ata as 18:00 horas haberá actividades de astronomía a carón do río, co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, cunha observación solar e coa construción dun reloxo de sol. Ademais, de 12:00 a 18:00 horas desenvolverase a Feira do Sol, con obradoiros de cociña solar, xogos con electricidade, un pirogravador solar e instalacións solares térmicas. A feira tamén incluirá unha exposición de pequenos enxeños solares.
Na Feira do Sol, que é un das principais actividades que se realizan na Festa da Natureza, impartiranse catro obradoiros didácticos, sobre os usos da enerxía solar. O primeiro será o de Cociña Solar (exposición, demostración e degustación), o segundo denomínase Xogamos coa electricidade (usos de placas fotovoltaicas para o montaxe de pequenas instalacións); no terceiro abordarase a instalacións solares térmicas, e no cuarto traballarase cun pirogravador solar. O quinto e último obradoiro xirará arredor dunha exposición de pequenos enxeños solares. Asemade, haberá tres exposicións sobre a cociña solar, a pegada ecolóxica e a introdución á enerxía solar.
Ás 16:00 horas será a oportunidade para coñecer os perfumes da natureza, cun obradoiro de hora e media sobre destilación de plantas aromáticas
A xornada continúa cunha Andaina polo Rego Andoriña, que se se desenvolverá entre as 11:00 e as 12:30 horas. Tamén desde as 11:00h da mañá, e ao longo de dúas horas e media, ata as 13:30, desenvolverase unha xornada de portas abertas do club de piragüismo Ribeiras do Tambre, para que aquelas persoas que nunca practicaron este deporte podan achegarse a el, polo menos, por un día.
Despois do xantar, entre as 15:00 e as 16:00 horas, a sobremesa será cun obradoiro no que se tecerán flores e follas. Ás 16:00 horas será a oportunidade para coñecer os perfumes da natureza, cun obradoiro de hora e media sobre destilación de plantas aromáticas. Este obradoiro está destinado a persoas maiores de 16 anos e só hai 30 prazas dispoñibles, polo que se precisa de inscrición previa para participar. No mesmo horario, de 16:00 a 17:30 horas, haberá xogos para todas e todos, xogos tradicionais e colectivos.